RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carles Gil: "Ningún estamos contentos coas sensacións da primeira volta"

Carles Gil foi o protagonista esta mañá na sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo. Valenciano de nacemento e valencianista de formación futbolística, o atacante branquiazul recoñece que o encontro deste sábado 13 de xaneiro no Estadio ABANCA-RIAZOR (20:45 horas, Bein LaLiga) ante o conxunto che, que poñerá o punto e final á primeira volta de LaLiga Santander, "é un partido especial. Enfróntome ao equipo de toda a miña vida, da miña cidade, onde pasei moitos anos da miña carreira, sobre todo de pequeno. Ademais este ano está aí o meu irmán (Nacho Gil) e é dobremente especial".

Explica que "nacín sendo un afeccionado do Valencia. Hei ir ao campo co meu pai, co meu irmán. Desde os 5 até os 21 que me fun, son moitos anos, moitas emocións, moitas experiencias. Déronmo todo, víronme crecer. Sempre lles teño moito agarimo".

Confesa que será "unha sensación rara se coincide que esteamos no campo os dous irmáns. Estamos necesitados e a miña familia vai comigo, co Dépor". "Polo menos iso dixéronme. Igual a el dixéronlle o mesmo", chancea.

Opina que o empate colleitado o pasado domingo en Vilarreal "foi positivo. Da forma en que se logrou tamén. Ten que servir para darnos ese punto anímico, ese punto de que todos xuntos podemos sacar isto adiante. Se encima conseguimos os 3 puntos ante o Valencia, facemos ese punto aínda máis bo".

A receita para logralo, segundo Carles Gil, pasa por "igualarlles en intensidade e agresividade, que eles son moi fortes niso. A partir de aí podemos competirlles de ti a ti. É un equipo que está moi cómodo indo ao espazo, facendo contras. Ten xogadores moi rápidos arriba. Temos que saber levar iso ben. Logo xogamos no noso campo e temos que ser nós e tentar levarnos o partido, da forma que sexa".

Destaca o papel da afección deportivista, que está sempre apoiando: "Temos sentimentos moi parecidos. Ao final cando perdemos nós ímonos fodidos a casa, eles vanse fodidos a casa. Se gañamos ao revés. Ao final como temos os mesmos sentimentos, o bo é que rememos todos ao mesmo lado e tentemos todos xuntos facer as cousas ben".

A pesar da gran temporada que está a realizar o Valencia, o centrocampista branquiazul non asina o empate: "A priori non. Logo loxicamente as circunstancias do partido fanche ver que un punto é bo ou é negativo. A priori xogando en casa temos que ir a polos 3 puntos. É un partido moi difícil, pero pódense conseguir os 3 puntos se facemos as cousas ben".

Co Dépor agora mesmo fóra dos postos de descenso, subliña Carles que "todo axuda. Sobre todo as sensacións e o ver que imos a un campo complicado como é o do Villarreal e ver que somos capaces de puntuar, de ter ocasións, de facerlles dano tamén. Iso ten que facer que nos enchamos de confianza e de moral. Para nós foi un pau moi duro o que pasou o día do derbi antes de Nadal. Se conseguimos unha vitoria fronte ao Valencia sería moi positivo".

A piques de concluír a primeira volta, cualifica esta primeira parte da competición ligueira como "mala. Todos esperabamos sumar máis puntos. Queda un partido, que poden converterse en 19. Pero ningún estamos contentos coas sensacións que deixamos. Afortunadamente temos un partido o sábado e toda a segunda volta que nos dá opción a cambiar esta primeira volta".

Do mercado de inverno, Carles Gil foi tallante: "Co que hai podemos sacalo adiante. Téñoo clarísimo. En calquera equipo, en calquera situación, que algo poida mellorar, benvido sexa. Queremos ser sempre mellores, e se ten que ser a través de fichaxes, encantados".