RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cris asegura que o segredo do éxito do Dépor ABANCA é "traballar en equipo"

Cristina Martínez, unha das futbolistas máis veteranas do Deportivo ABANCA, atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa virtual do Club.

Estas foron algunhas das súas respostas.

Futuro do campionato ligueiro
"Pensamos que vai ser complicado que se xogue. Calquera das decisións ímola a tomar da mellor forma posible, tanto se xogue coma se non".

Valoración da temporada
"A nivel colectivo só hai que ver os números, o ben que estivemos desde o principio até o final. Quedamos co bo. Fixemos un gran papel. No tramo final, quedo coa vitoria en ABANCA-RIAZOR de Copa da Raíña contra o Valencia, que houbo moita xente. Enganchamos a moitos deportivistas".

"A nivel individual estou moi contenta. Este é o meu cuarto ano. Estou moi contenta co Deportivo ABANCA, cos deportivistas. Tento dar o mellor de min. Nos anos anteriores, ao xogar nunha categoría menor estás máis confiada. Este ano era un reto para min e ao final, moi contenta".

Confinamento en casa e día a día
"Lévoo bastante ben. Colleume na Coruña porque xusto cando empezou todo era fin de semana libre e eu íame de viaxe. Tiven que cancelalo. Tampouco me puiden ir a casa. Estou soa pero lévoo ben. Posche a pensar na xente que está a loitar en primeira liña e a nós só pedíronnos que quedemos en casa. Adestro en casa, polas mañás traballo e desexando que pasen os días, falando coa miña familia, cos meus amigos por videochamada. Lévoo ben".

Adxectivo á traxectoria do Deportivo ABANCA
"Estes 4 anos foron de aprendizaxe, de superación. Fíxose un grupo de xogadoras que non se coñecían e ao terceiro ano conseguiuse un ascenso. Este ano demostramos en Primeira que viñemos para quedarnos. Foi unha experiencia moi bonita para min, vivilo coas xogadoras coas que o vivín, co adestrador, corpo técnico e con toda a xente que traballa para o Deportivo".

Sensación por non poder acabar a temporada
"Estás a facelo ben, estás a facer unha boa temporada, sacando os partidos adiante e queda o tramo final que se cadra é o máis bonito porque os partidos son máis loitados, cando a xente máis aperta para sacar os puntos. E acábase todo. Non sabemos se se acaba a liga ou non. Sentes un pouco de rabia por non poñerlle a guinda ao pastel. Pero moi contenta polo que fixemos. Ao principio a xente cría que era sorte ou casualidade. Pero demostramos que non".

"Rabia dá porque ao final quedaban 8 partidos. Deles 5 eran en casa contra rivais importantes. Queriamos dar a cara como o fixemos no Estadi Johan Cruyff ante o Barcelona en Copa; e demostrar que estamos cuartas porque nolo merecemos. Ao final tes que tomalo da mellor forma posible. O importante é a saúde".

Crecemento do equipo e mellor momento nas 4 temporadas
"Viña dun equipo moi humilde, xogando en Rexional, na miña casa. Vin a un club grande, que apostou polo fútbol feminino. Querían ascender, conseguímolo. Foi unha experiencia incrible para min. Ao final nunca me din a oportunidade de probar nun equipo de máis nivel. Cando a tiven quíxena aproveitar. Non me equivoquei. Quedo con todos os anos, coas vitorias, coas derrotas. Cando ascendemos, cando gañamos a liga foron días incribles para min. Pero ao final cando xogamos o primeiro partido da Primera Iberdrola, en casa ante o Espanyol, sentín unha sensación diferente á que foi o ascenso. Quedo con esa sensación de lograr eses primeiros 3 puntos en Abegondo ante o Espanyol".

Posible saída de xogadoras a final de temporada
"Son xogadoras importantes, demostrárono durante a temporada. Que se vaian afectará o nivel do equipo pero é un equipo, todas sumamos; e se ten que saír xente acabará vindo xente que traballe o mesmo que elas. Son decisións que toma cada unha e eu non me podo meter. Alegrareime por elas e xa está. O nivel do equipo dáo o equipo. Espero que haxa as menos saídas posibles".

Próxima temporada
"Son optimista. Despois da temporada que fixemos pensas por que non repetilo. Hai saídas de xente, vén xente nova. É así o fútbol. Pasa todos os anos. Valóralo da mellor maneira posible e pensas que algo fixemos ben se tanta xente interésase polas xogadoras do Dépor ABANCA. Oxalá o ano que vén síganse interesando porque iso significa que o estaremos facendo ben".

"Está a traballarse no proxecto do ano que vén. É complicado polo momento que vivimos, pero optimista en facer un bo papel".

"É complicado marcar agora un obxectivo de cara á temporada que vén. Ao final este ano fixemos un bo papel e temos que gozalo, acabe ou non a liga. Agora toca gozar do que sementamos. E o ano que vén igual marcarse uns obxectivos máis ambiciosos que este ano. E facelo tan ben como este ou mellor. O obxectivo é mellorar sempre".

Segredo do Dépor ABANCA
"É un equipo humilde. A maioría viñamos de tentar ascender a Primera Iberdrola. O segredo é ese, a unión, o traballo en equipo, querer dar o mellor. Cando ascendemos tiñamos moito que demostrar pero fixémolo, xogamos con calma e foi ese o segredo do éxito, o traballar en equipo".

Volta aos adestramentos
"Non son quen para opinar sobre isto. Hai que facer caso ás autoridades, á xente que sabe do tema e que mira polo ben común. Se é momento de empezar dirano e se non, tamén o dirán. Hai que facer caso. Todos debemos remar na mesma dirección. Ao final isto aféctanos a todos para tentar volver canto antes á normalidade".

Ter máis en conta ao equipo feminino
"Se os rapaces de Primeira xogan, ¿por que non deben facelo as mozas de Primeira División? É unha forma de tratarnos con respecto e darnos a importancia que temos. Creo que se se retoman as competicións noutras categorías, deberiamos facelo nós. É unha situación complicada e difícil de tomar".