RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal apela ao traballo e a "a confianza no que estamos a facer"

Cristóbal Parralo, a pesar da derrota, subliñou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que "a entrega e as ganas que tiña o equipo de poder ofrecer unha alegría á afección é irreprochable. Do traballo e as ganas que puxeron non hai ningunha dúbida".

O técnico deportivista manifestou que "en moi pouco tempo chegamos co marcador en contra. Iso obrígache a arriscar moito máis, a ter que buscar a igualada. Merecemos a igualada na primeira parte. Na segunda ocasión que chegaron volvéronnos a marcar. Foi un duro pau para o equipo, pero o equipo non baixou os brazos, non perdeu a cara ao partido. Loitou até o final".

Agora, recalca que "hai que seguir loitando, traballando. Confianza no que estamos a facer. Hai que tentar que os resultados sexan outros, porque se non é moi difícil. Non encaixar moitos goles, porque cando encaixas moitos goles é moi difícil gañar un partido".

Cristóbal pídelle aos Reis Meigos "gañar partidos e que salgamos de aí canto antes. É o que teño na cabeza".

Pola súa banda, Juan Carlos Unzué, técnico céltico, confesou estar "moi contento polo rendemento e polo resultado".

Explica que o seu equipo gañou o partido "con certa solvencia, tendo o control do xogo menos do que quixésemos, pero sendo moi eficaces. O que vén corroborar o equipo é que temos moitas alternativas. Gañamos partidos xogando máis replegados porque o rival tamén polo resultado méteche máis atrás. Temos máis capacidade desde ese repregamento para crear opcións de gol".