RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal: "Conseguimos 3 puntos nas Palmas pero hai que seguir competindo"

Cristóbal Parralo asegurou esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que está "moi contento de como están a traballar. Estes dez días que eu levo vin que a intensidade foi incrementando, están metidos e estase a traballar duro. A partir de aí veremos se iso dá os seus resultados".

Advirte que o pasado luns no Estadio de Gran Canaria "conseguimos 3 puntos, pero nada máis. Podémolo ver todo con máis optimismo, pero aquí hai que seguir xogando, seguir competindo e seguir gañando para mirar cara arriba. Non podemos estar a mirar na xornada 10 o que fan os demais equipos".

Nesta liña, lembra que nese encontro ante o conxunto canario "volvemos encaixar un gol no minuto 7, houbo mellora nalgunhas cousas pero creo que hai moitas cousiñas por mellorar".

Aclara que "cando falo da defensa non falo dos defensas, falo da organización defensiva do equipo. E aquí hai moitas cousiñas que mellorar. Espero e desexo que mañá nos equivoquemos o menos posible e que o equipo estea firme en defensa, e iso póidanos axudar a gañar o partido".

O técnico deportivista subliña que, dada a gran competencia e a amplitude que hai no cadro, "vou valorar moitísimo o que se fai en cada adestramento e como traballan os xogadores. E se hai alguén dos que van convocados ou xogan que baixa esa intensidade, que non dá o nivel que nós esiximos, entrará outro. Porque o cadro é competitivo e todos teñen posibilidades de poder xogar. Estou contento co cadro, son bos xogadores. Que quizais sexa un pouco amplo, vémolo todos".

Sobre o encontro de mañá sábado 4 de novembro no Estadio ABANCA-RIAZOR (16:15 horas, Bein LaLiga), comenta Cristóbal que "me preocupa moito o Atlético de Madrid porque é lóxico, pero o que máis me preocupa de todo é que o meu equipo salga a competir, a xogar, e faga o que sabe facer. Non porque xoguemos contra o Atlético de Madrid teñamos que facer cousas diferentes que vimos traballando".

Pide "ter en conta ao Atlético, respectalo, pero non temelo. O que hai que facer é ser nós mesmos, tentar mellorar esa idea, esa proposta que estamos a traballar, e a partir de aí veremos o que ocorre". "Se somos nós mesmos estou convencido que imos crearlles moitas dificultades e que temos as nosas posibilidades de gañar o partido", engade.

Iso si, define ao conxunto colchoneiro, do mesmo xeito que outros punteiros do fútbol europeo como o Real Madrid, como "equipos grandes. Teñen uns cadros moi amplos, son equipos moi competitivos. Non levan meses demostrando que son un gran equipo, levan temporadas demostrando que son un gran equipo. É un equipo cunha traxectoria e un nivel máis que demostrado".

A poucas horas de debutar en liga co Deportivo no Estadio ABANCA-RIAZOR, Cristóbal mostrouse agradecido ao cadro do Fabril: "Foi unha sorte poder adestrar a ese vestiario. Estoulles agradecido porque parte de que eu estea aquí é grazas a eles, ao traballo que fixeron, á competitividade que demostraron, gañando 7 partidos seguidos, agora levan 2 empates, son 9 partidos sen perder. Eu quéroo ver desta maneira. Desde aquí as grazas a todos os xogadores que me axudaron a estar hoxe aquí adestrando ao primeiro equipo".