RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal: "Non estamos nunha posición cómoda para deixar escapar puntos"

Cristóbal Parralo recoñeceu esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que estes días "traballamos todo en xeral, todos os aspectos do xogo, pero incidimos bastante no tema defensivo porque estamos a encaixar goles cada partido. Temos que tentar que iso non ocorra para poder puntuar e gañar partidos".

De cara ao choque de mañá pertencente á 13ª xornada de LaLiga Santander, o técnico deportivista advirte que "non estamos nunha posición cómoda para deixar escapar puntos. A intención é saír a gañar o partido e tentar sumar 3 puntos".

Preguntado sobre o Athletic Club, rival de mañá domingo 26 de novembro (12:00 horas, Bein LaLiga), e o seu partido de Europa League o pasado xoves ante o Hertha de Berlín, cre que "debemos estar pendentes de que o equipo xogue como nós sabemos facelo. A partir de aí, o rival tivo partido o xoves. Imaxínome que houbo xogadores que se cadra non xogaron e que xoguen mañá. Xa veremos o que ocorre. A principal preocupación é o meu equipo".

Iso si, comenta que o conxunto vasco "é un bo equipo. Pero non podemos temer a ninguén. Temos que saír a impoñer o noso fútbol e logo veremos o que ocorre. Non temos medo, o que temos é respecto. Buscamos confiar no que facemos e tentar impoñernos".

Destaca o adestrador deportivista que "xogamos en casa. Temos que tentar que, co apoio da nosa afección, deixalo todo no campo e conseguir un resultado positivo. Estamos concienciados de que debe de ser así. Imos traballar para tentar conseguilo".

Desde o punto de vista anímico, e após a derrota do pasado domingo na Rosaleda ante o Málaga, ve ao equipo "ben porque está a traballar ben. Con respecto ao partido, tentamos aprender dos erros que se cometen e que non volvan aparecer. Traballamos para corrixilos, ensinámolos, mostrámolos. E isto é un proceso. Imos ver se os xogadores van asimilando estas cousas. Tentamos cometer menos erros cada vez e que sexamos un equipo máis sólido e máis fiable".

Pide ademais Cristóbal Parralo "manter o ritmo durante todo o partido, a intensidade, a concentración, a agresividade. E non deixarnos ir, que isto é o problema".