RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez: "Co que hai pódese saír segurísimo"

Dani Giménez subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "co que hai pódese saír segurísimo". No entanto, lembra que "a realidade é a que é. Estamos aí por algo. Non só por temas mentais, senón tamén futbolísticos. Moitas veces falar tanto do tema mental soa tan recorrente que parece unha escusa. Aínda que realmente teña unha porcentaxe bastante elevado de verdade".

O meta deportivista advirte que este domingo 8 de decembro ante o Real Zaragoza en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, #Vamos), "temos que dalo todo na situación na que estamos, en todos os partidos. É unha final. Non podemos deixarnos nada polo camiño".

Asegura que o vestiario branquiazul está "mentalizado de que o traballo que estamos a facer está a dar os seus froitos pouquiño a pouco, sobre todo o traballo defensivo. A xente está a correr máis e mellor. Logo conseguimos co cambio de sistema un pouquiño máis de solidez e a xente está a mellorar nese sentido. Fáltanos estar máis acertados de cara ao gol. Pero iso estou seguro que vai chegar porque temos xogadores para mellorar, e o punto de partida non é bo; pero melloraremos porque só por calidade individual e por traballo imos mellorar".

Dani Giménez sostén que agora "se está vendo un Dépor que, aínda que teñamos fallos, aínda que non aproveitemos ocasións nos últimos partidos para poñernos por diante, non baixa os brazos e o único que fai é seguir traballando para manter a portería a cero e para seguir tendo as súas ocasións. O gol vai chegar, a vitoria vai chegar e traballamos para que sexa xa".

Admite o porteiro galego que "a situación é mala. O equipo non acaba de gañar e parece que cada semana é peor. Ao final as oportunidades de saír de aquí están intactas. O que necesitamos é cambiar a dinámica, gañar un partido e sobre todo esas cousiñas que estamos a facer ben agora en defensa non esquecelas e estar un pouco máis acertado de cara ao gol. Confío moitísimo nos xogadores que temos. Temos xente que estou seguro que pode ser determinante. Só falta ese pequeno empuxón para volver ter esa confianza e que saian outra vez ben as cousas".

Valora especialmente "gañar facendo as cousas como as estamos facendo agora. E logo que aos poucos esa xente que ten calidade e que a vai a sacar, pois que achegue o seu gran de area para a ocasión que teñamos, poder materializala".

Pide Dani seguir sendo "un equipo valente na presión, un equipo moi solidario". É máis, opina que desde a visita ao Francisco de la Hera de Almendralejo, "imos todos a un tempo á presión, que era algo que nos custaba moito antes. Cada un coas súas características dar o máximo para o equipo. Niso estamos. Chegarán os goles, chegarán as vitorias. Estamos a traballar para que sexa xa", engade.

Insiste en que no Dépor, tamén na parcela ofensiva, "hai xente con moita máis calidade do que parece. Ao final metíchesche aí. A xente non creche cando dis 'o equipo mellorou'. Se non ganas, se non o demostras, ¿quen che vai a crer? Pero nós si cremos".

Móstrase ademais optimista e afirma que "non vexo tan difícil saír desta situación. Vai ser complicado. Temos que mellorar moito. Pero non é imposible".

Do Real Zaragoza, Dani Giménez prefire "non fixarme demasiado quen vén a ABANCA-RIAZOR. Temos que centrarnos en nós. Temos tanto que facer, tanto que mellorar que practicamente dá igual co equipo que xogues. Se seguimos sendo ese bloque sólido, sendo solidarios defensivamente, podemos gañarlle a calquera equipo, sexa o primeiro, da parte alta ou un equipo que estea como nós pelexando no lodo. Os xogadores queremos un Dépor competitivo, algo que perderamos desde o principio de temporada".