RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez pide mañá en Elxe "ser sólidos e non cometer erros, que agora penalizan moitísimo"

Dani Giménez foi o protagonista esta mañá no Salon Castell do Hotel Meliá Alacante, improvisada sala de prensa durante esta concentración do Dépor na cidade alacantina.

O meta deportivista vaticina mañá martes 4 de xuño en Elxe (21:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) un partido "de moita tensión".

Pide "tentar ser nós mesmos. Tentar xogar como a primeira parte do outro día (en ABANCA-RIAZOR ante o Real Mallorca), levando a iniciativa do xogo e ser moi sólidos. Non ter erros, que agora penalizan moitísimo. E ser un pouco valentes, no sentido de non ter medo a fallar".

Opina que nas últimas xornadas "demos un paso adiante a pesar de, quizais, non facer un xogo brillante. É o camiño. O camiño é gañar, crer en nós mesmos e facer o noso fútbol. Se saímos con esta intensidade, ao Elche vaille a custar igualarnos".

Explica que a moral do equipo nesta recta final está "enfocada ao traballo diario. Agora estamos a traballar en Benidorm, enfocándonos en mellorar cousas que nos fan falta e na mentalidade de crer en nós mesmos até o final do partido".

Entende perfectamente o adiamento do partido debido ao falecemento o pasado sábado de José Antonio Reyes, futbolista do Extremadura UD: "É complicado xogar un partido despois do falecemento dun compañeiro, ademais un compañeiro moi querido en moitas partes de España. É o normal. Non se pode xogar un partido de fútbol coa mente posta nos amigos, nun falecemento tan importante".

Apunta Dani Giménez que a pesar de estar tantos días fóra de casa, "non se pode estar canso porque te estás xogando tanto... Evidentemente todos preferiamos estar na nosa casa, coas nosas familias, cun pouquiño máis de tempo libre para facer o que facemos normalmente. Pero o míster tamén nos deu certa liberdade dentro duns límites, porque estamos a representar a un equipo importante noutra cidade. Sempre buscando o estar distraído, o non estar metido no hotel todo o día porque iso sen querer cánsache. E evitar bobadas como poida ser estar ao sol moito tempo ou camiñar demasiado. Aquí non estamos de turismo, estamos para xogar un partido. Iso témolo claro".

Insiste, do mesmo xeito que o resto de compañeiros que se pasaron pola sala de prensa, que máis que mirar cara a outros partidos de rivais directos, que "todo pasa porque nós esteamos ben, porque gañemos este partido. Para gañar temos que facer as cousas mellor que o que estamos a facer. Todos o temos claro. O demais xa non depende de nós. Pensar no que poidan facer ou non os demais quítache tempo, recursos en estar centrados no noso partido".

Preguntado por Iñigo López, afirmou que "non é prato de bo gusto pasar o que pasou el e o que seguirá pasando estes días. Cando hai un asunto así é moi importante. Aos poucos vaise tranquilizando todo, sobre todo de cara á opinión pública. Agora é normal que a prensa estea encima, que se fale moito. Seguro que hai cousas que non son realidade. Cando hai unha instrución así, primeiro hai que apoiar ao noso compañeiro. Ata que non se demostre o contrario é inocente. No caso de Jorge Molina, involucrado nun asunto así, ao final non foi nin a xuízo. Penalizoulle moitísimo. Non renova en Betis por esa situación. Ao final saíu inocente. Cremos no vestiario en Iñigo, que é un bo tipo. Esperemos que a xustiza o aclare todo e canto antes".

Finalmente, Dani Giménez recalcou que o Presidente Paco Zas "deunos moita tranquilidade no sentido de que vai haber certa continuidade, sobre todo para que o equipo non note nada diferente. O cadro está contento no sentido de que mostrou o seu apoio desde o primeiro momento. É bo sentirse apoiado, como sentiamos antes con Tino. O camiño é que haxa boa comuñón entre o camiño e o Consello. Estou seguro que así vai seguir".