RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez ve "moitísima igualdade" na categoría, que fai que "se te dormes, sufras"

Dani Giménez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o vestiario é deportivista é consciente que en LaLiga 1|2|3 "hai moitísima igualdade".

No entanto, na súa opinión, "nós temos un punto máis de calidade, do mesmo xeito que Las Palmas, Málaga ou mesmo o Osasuna, que se está vendo nas últimas xornadas que ten xogadores que poden ser determinantes. Pero esa igualdade fai que se te dormes, sufras".

A meta branquiazul pensa que o Deportivo "ten que incidir en ter a pelota. Ao final dáche esa pausa de chegar ao final do partido máis descansado. Estamos a ver que cando temos o balón, somos dominantes, os rivais sofren e os últimos minutos pásano mal. Cando queren reaccionar non poden".

Pide ser "nos duelos máis fortes. Non é cuestión de querer, porque a xente quere. Ás veces é verdade que as características dun como o Almería, que aperta moito, o Osasuna, que ten algún xogador que é moi potente, ou o Alcorcón, que se basean moito en duelos, en velocidade... A intensidade témola que igualar e nós temos ese plus máis de calidade que nos pode dar resolver mellor as situacións".

Defende o traballo dos seus compañeiros: "Somos un equipo que corre moitísimo. Temos que entender que reaccionando un pouco antes, ou reaccionado con máis intensidade, correremos menos".

Dani insiste en que nesta temporada "vai haber igualdade até o final. Hai xente que di que se o Alcorcón baixará... Quero que subamos nós por méritos nosos, non por deméritos dos demais. O Granada ten xogadores novos, con fame; o Almería, Osasuna... Do mesmo xeito que nós. Esa ilusión por un ascenso fai que sempre manteñas o nivel. Pode algún equipo descolgarse. Pero é moi difícil que un equipo gañe sempre. Nós estamos a sacar unha media moi boa e non nos está chegando para estar primeiros ou segundos, de ascenso directo. Isto vai ser até final de temporada".

Iso si, advirte que "se conseguimos dar ese paso adiante fóra de casa, manter a calidade de xogo que temos en ABANCA-RIAZOR, imos estar aí arriba. Pero iso de distanciarse como pasou co Levante hai uns anos, eu véxoo imposible este ano".

Recoñece que "hai cousas que temos que mellorar fóra de casa. En casa xogas co teu público, o equipo rival vén condicionado porque ABANCA-RIAZOR é un campo grande. Sabe que nós ao xogar en casa tamén nos atrevemos máis con balón".

Lembra que "todos os equipos xogan distinto tanto na súa casa como fóra. O bo é que nós temos capacidade para que iso non suceda".

Avisa que os cadros dos equipos chaman a engano e "non contas cos xogadores porque non os coñeces. Realmente son xogadores que nuns anos estarán a xogar en Primeira en equipos competitivos. Falamos de sorpresa, de equipos revelación pero son equipos que van estar así porque ven no seu xogo e nos seus resultados até final de temporada".

Do Osasuna, rival este sábado 24 de novembro en ABANCA-RIAZOR (18:00, Movistar Partidazo), recalca Dani Giménez que "cada vez o está facendo mellor. Nos últimos partidos velos como un serio candidato á pelexa polo ascenso".