RCD / NOVAS

Datos sociais do Real Club Deportivo ao peche da Temporada 2016-2017

01/06/2017 10:40

O peche da Temporada 2016-2017 deixa unha serie de datos destacados que revelan, un ano máis, o gran respaldo que sustenta ao Real Club Deportivo, personalizado especialmente nos seus socios. A 31 de maio de 2017, a masa social do Dépor alcanza os 26.510 socios, case 400 máis que a temporada anterior. Do total de abonados, 19.859 son homes, 5.398 mulleres, 1.048 carnés están a nome de empresas e 205 de peñas. Todos estes apartados incrementaron as súas cifras con respecto ao pasado exercicio.

En canto ás altas de novos socios, a cifra chegou aos 3.677, a cuarta máis alta dos últimos 20 anos (a marca está na 2014/2015 con 5.591). Deles, 2.611 son homes, 915 mulleres (máis que a temporada anterior), 124 empresas e 30 peñas.

As novas tecnoloxías cumpriron a súa terceira campaña como parte do sistema de renovación de abonos. Se no seu primeiro exercicio en vigor, 2.333 socios utilizaron a opción de renovar o seu carné vía internet, e no segundo superouse ese número, alcanzado os 2.676, no terceiro superouse por primeira vez, e amplamente, a barreira dos 3.000, con 3.526 renovacións.

Unha ampla porcentaxe de socios do Real Club Deportivo benefíciase ademais de prezos máis alcanzables grazas ás bonificacións. As categorías bonificadas: maior de 65 anos (2.365 renovacións, 151 altas), desempregado/a (1.483 renovacións, 258 altas), sub-25 (3.156 renovacións, 845 altas), ADN Branquiazul (2.328 renovacións, 697 altas) e diversidade funcional (292 renovacións, 49 altas) xa suman máis de 11.000 abonados (11.624), un 43,8 % da masa social deportivista (un 2,6 % máis que o exercicio anterior).

O maior número de socios por franxa de idade atópase nos 26 anos (531 abonados), seguido dos de 35 (525), 34 (492), 25 (488), 36 (483), 24 (482).

Riazor conta actualmente cunha capacidade de 32.437 espectadores. Na bancada de Pavillón acumúlase o maior número de socios con pouco máis de 8.000 (8.015), case 5.000 máis que a bancada con menor número de abonados, Tribuna, con 3.090.

Segmentando máis cada unha das bancadas, Marathón Inferior pasou a ser a bancada con maior número de socios: 4.077 (un 97,98 % da súa capacidade), en detrimento de Marathón Superior, que agora é a cuarta con 3.637 (73,27 %). Entre medias sitúanse Pavillón Superior, con 4.068 (92,48 %) e Pavillón Inferior, con 3.947 (99,55 %). É precisamente esta última a que conta coa maior porcentaxe de ocupación.

A importancia do Deportivo para A Coruña e a súa área de influencia representa un valor incalculable como se desprende da distribución de socios por concellos. Actualmente, 16.727 abonados do Deportivo (o 63,10 %) residen no municipio de coruñés, superando tamén o milleiro en concellos limítrofes como Oleiros (1.236) e Culleredo (1.143), e roldándoo en Arteixo (923) e Cambre (880). Se sumamos toda a área metropolitana temos a 21.957 socios (o 82,83 %). o resto da provincia suma 3.076 socios (o 11,60 %).

Se ampliamos a análise máis aló dos límites provinciais, sobresaen os máis de mil abonados (1.030) que suman as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, e os 387 socios repartidos ao longo e ancho da xeografía española (as outras 16 comunidades contan con polo menos un socio branquiazul), con especial mención para Madrid, onde residen 124 abonados, e León, con 49.