RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

David Simón: "Os últimos 10 partidos poden ser bastante duros para todos e hai que estar máis unidos que nunca"

David Simón recoñeceu esta mañá que o partido deste domingo 10 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante a UD Las Palmas (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), "o equipo no que estivo moitos anos, é especial, bonito. Oxalá podamos sacar 3 puntos, pero é verdade que está marcado no calendario con esa liña vermella".

O lateral deportivista indicou que a temporada do conxunto canario "está a ser irregular pero é un gran equipo, un gran cadro. Agora mesmo non hai que fiarse de ninguén".

Confesa que lle sorprende "un pouquiño que estea un pouco descolgado, un equipo histórico como moitos que hai e cun cadro para estar arriba. Nesta Segunda División pode pasar de todo".

A pesar dos empates do Dépor en ABANCA-RIAZOR, David Simón destaca que "aínda non perdemos. Nestes últimos partidos, en moitos tramos do partido merecemos algo máis porque tivemos máis ocasións que o rival. Queremos gañar, en casa non se poden deixar escapar eses puntos. Pero sen ansiedade, con tranquilidade, confiando en nós. Agora hai que mellorar o que fixemos as últimas semanas en casa".

O defensor branquiazul réstalle importancia á clasificación: "Ganas esta semana, a seguinte tes o Reus e xa está todo pegado outra vez. Sabemos cal é o obxectivo pero non hai que xerarnos máis ansiedade do que se ve aí. Os últimos 10 partidos poden ser bastante duros para todos e hai que estar máis unidos que nunca".

O domingo, ante un rival que "quererá aproveitar a súa última oportunidade para estar arriba", vaticina un partido "complicado, como con todos os equipos. Como está a ser todo isto, moi competitivo, moi duro. Nós estar centrados en nós. Estar xuntos, estar tranquilos. Toda a temporada levamos nos postos bos e hai que confiar ao cento por cento".

Repite unha e outra vez que ben no campo ou no banco, "como se conseguen as cousas é estando unidos, e apoiando sempre desde fóra ou desde dentro. Son un xogador de equipo e sempre o vin así".

Fai autocrítica e, por exemplo, o pasado luns ante a AD Alcorcón en ABANCA-RIAZOR, "moitos dos que xogamos non tivemos o noso día". Iso si, pide "quedar coas cousas positivas. A semana anterior contra o Málaga fixen un partido moi serio, moi ben. Seguir. Eu non me rendo. Agora con máxima tranquilidade e traballo para seguir crecendo", conclúe.