RCD / NOVAS

Diego Caballo, Martín Bengoa e Gaizka Martínez, tres novos reforzos para o Fabril 2017-2018

02/07/2017 18:03

O Fabril incorporou tres novos futbolistas ao seu cadro para o regreso do equipo a Segunda División B despois de seis anos en Terceira. Trátase do defensa Diego Caballo e os centrocampistas Martín Bengoa e Gaizka Martínez.

Diego Caballo Alonso (Salamanca, 17 de febreiro de 1994) actúa como lateral esquerdo e procede do Valencia Mestalla, equipo co que estivo a piques de ascender a Segunda División.

O carrilero zurdo, que aterrou na canteira do Real Madrid en idade cadete, militou con anterioridade no Real Madrid C (2012-2014) e no Real Madrid Castilla (2014-2015). Nas últimas 5 campañas sempre competiu en Segunda División B, onde conta cunha bagaxe de 59 encontros e 1 gol.

Diego Caballo, que foi convocado en varias ocasións pola selección española Sub-17 aínda que non chegou a debutar, tamén sentou nunha ocasión no banco do primeiro equipo valencianista. Precisamente fíxoo nun encontro ante o Dépor, na 2ª xornada da liga 2015-2016, nun choque disputado en Mestalla que concluíu con empate (1-1).

Pola súa banda, Martín Bengoa Díez (Otxandio-Bizkaia, 21 de novembro de 1994), formado na canteira de Lezama, xoga de centrocampista ou mediapunta. O tres últimas temporadas formou parte do Bilbao Athletic, co que chegou a disputar 3 partidos en Segunda División, no curso 2015-2016. Entre os dous outros exercicios no filial branquivermello, en Segunda B, xogou 58 partidos, nos que marcou 8 goles.

Anteriormente formou parte do Basconia, equipo asociado ao Athletic Club, co que xogou dous exercicios en Terceira División.

Gaizka Martínez Navarro (Getxo-Bizkaia, 27 de outubro de 1996) xogou a última campaña e media en Segunda B co Sestao River, acumulando 38 partidos e 2 goles. A súa posición é mediocentro aínda que tamén o fixo como defensa central.

Gaizka Martínez formouse na canteira do Arenas de Getxo, aínda que xogou unha temporada no Xuvenil do Athletic Club. Máis adiante fichou polo Levante, club no que xogou no equipo Xuvenil de Division de Honra.

A día de hoxe, o Fabril conta para iniciar a pretemporada, o próximo 11 de xullo ás 10:00 horas na Cidade Deportiva de Abegondo, cos seguintes xogadores: Álex Cobo, Francis, Blas, Quique Fornos, Lucas, Diego Caballo, Gaizka Martínez, Carlos López, Edu Expósito, Queijeiro, Romay, Martín Bengoa, Óscar Pinchi, Borja Galán, Uxío e Jardel. Tamén realizarán a pretemporada co segundo equipo os xuvenís Chema, Ricardo Benjamim, Mujaid, Kanouté, Adri, Iago Novo e Aarón.