RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"É unha noticia importante e boa para o Deportivo", di Cristóbal sobre Francis e Álex Cobo

Cristóbal Parralo, técnico do Fabril, compareceu ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

Di estar "moi contento" pola situación clasificatoria do filial. "Non nos esperabamos estar a estas alturas cos puntos que temos e no primeiro posto. Pero benvido", engade.

Tamén confesou estar satisfeito cos goles do pasado xoves no Estadio ABANCA-RIAZOR de Edu Expósito e de Óscar Pinchi, no Memorial Moncho Rivera, así como tamén "da participación de Carlos (López), Francis. Moi orgulloso de que estean aí cada vez máis preto do primeiro equipo".

Explica que no seu equipo "hai xogadores que están a adestrar permanente ou constantemente co primeiro equipo. Loxicamente son os que teñen máis posibilidades, pero isto non quere dicir nada. Carlos López non tiña ido desde que está aquí e esta semana foi a adestrar e tivo estes minutos.Todos teñen que traballar para gañarse esa posibilidade. Estou moi contento por como están a competir os rapaces e como están a adestrar, das ganas que teñen de tentar chegar aí arriba. É a forma de poder conseguilo".

Insiste en que ve aos seus futbolistas "competindo fenomenalmente, están moi metidos e están a traballar moi duro. O único que hai que facer é seguir traballando duro, para cando chegue a oportunidade seguir traballando".

Preguntado sobre a portaría, con Francis e Álex Cobo, Cristóbal apuntou que "o Club ten a fortuna de ter dous novos porteiros con moita proxección. Son dous grandes porteiros. Os dous están a traballar moi ben. Para min o ter dous porteiros de tantas garantías fai que deben de ter visibilidade os dous, deben de ter oportunidades. Ao final o adestrador do primeiro equipo se necesita un porteiro, que sexa o que decida. Son dous grandes porteiros, que o están demostrando cada semana. Estamos encantandos. É unha noticia importante e boa para o Deportivo".

De Francis, destaca que "ten unhas condicións importantes. É un porteiro moi novo, que aínda ten que mellorar e que está a traballar moi duro para mellorar. Para min ten un físico para xogar de porteiro moi bo, ten dotes de mando, ten carácter, ten personalidade para xogar a fútbol. E sobre todo ten moitas ganas de ser futbolista. Estou encantado con Francis, como tamén estou encantado con Álex".

Na súa opinión, o estar o Fabril en Segunda División B obriga a "xogar con equipos profesionais ou semiprofesionales, con xente con experiencia. Fai que teñas que pór todo no campo para poder igualar, fai que maduren moito máis, que estean máis preparados para, se lles chega a oportunidade nun momento dado, poidan afrontala con máis garantías".

Ten claro Cristóbal o seu papel no Club: "O meu sitio é o Fabril. Estou moi contento de traballar no Deportivo. Ademais estou a crecer igual que eles, aprendendo constantemente. O único que hai na miña cabeza é tentar que o equipo se adapte á categoría, que faga unha boa temporada, que os mozos se formen para chegar ao primeiro equipo. Mantéñome á marxe de calquera opinión".

Sobre a situación do filial, á fronte do grupo 1º da Segunda División B, o técnico fabrilista ten "os pés no chan. Sei que hai moi bos equipos neste grupo, nesta categoría. Non sabemos o que vai ocorrer. É verdade que imos traballar cada partido para estar o máis arriba posible, para competir da mellor maneira. Pero hai equipos co obxectivo moi claro de subir a Segunda División A. Nós empezamos pensando en consolidarnos e tentar formar a eses xogadores para que cheguen arriba. Pero non hai que pór teito ao equipo. Non sabemos o que pode ocorrer".