RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estamos a formar un bo grupo", destaca Diego Caballo

Diego Caballo subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que os resultados en pretemporada "son o de menos. Agora hai que ir collendo a forma, ir coñecéndonos, que hai xente nova. Aos poucos sairán mellor as cousas".

Recoñece que o equipo tivo pouco descanso "a nivel físico e a nivel mental" e destaca desta pretemporada que "estamos a formar un bo grupo, que é moi importante cando as cousas van ben e sobre todo cando as cousas non van tan ben. Ao principio é normal que custe, que a xente sexa máis tímida. Pero aos poucos a xente vaise facendo ao equipo, e moito mellor".

A nivel persoal, o lateral zurdo deportivista asegura estar "coa mesma idea do ano pasado", cando deu o salto do Fabril ao primeiro equipo: "Para min é empezar de cero. Hai un novo adestrador, hai un novo equipo. A miña idea é a mesma, competir estea con dous, con tres ou con quen sexa para gañarme o posto".

Conta que Anquela pide que "os laterais sexan moi ofensivos, que teñan longo percorrido, que dobren ao interior ou extremo e sexan capaces de chegar arriba".

Comenta que as ideas do técnico andaluz "son moi específicas e moi sinxelas. Iso vainos axudar a competir ben e a gañar partidos".

Preguntado polos fabrilistas que están este verán co primeiro equipo, Diego Caballo opina que "están con ganas, ilusión, con moita competitividade. Nótase que veñen con ganas de ter esa pequena oportunidade que custa tanto. E estano facendo moi ben. Aí están nos adestramentos e nos partidos".

Prefire non compararse con Edu Expósito, que esta temporada deu o salto ao Eibar en LaLiga Santander e só desexa "facer un ano bo e estar en Primeira División co Deportivo o próximo ano".

Do seu debut no fútbol profesional, a campaña pasada, o defensor branquiazul explica que "os xogadores imos por momentos e é difícil atopar a mesma forma de xogar, a mesma intensidade ou estar ao 100 % todos os partidos. Estiven moi ben ao principio. Tiven unha pequena lesión e logo fun entrando e saíndo. Non estiven ao meu mellor nivel os últimos partidos. Este ano tento recuperar ese 100 % e empezar a liga como a anterior".