RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estamos nunha dinámica adecuada para conseguir a salvación", cre Ager Aketxe

Ager Aketxe, autor do gol do empate onte no Heliodoro Rodríguez López, pasouse pola sala de prensa de Abegondo nada máis concluír o adestramento de hoxe mércores.

Estas foron algunhas das súas frases.

Mellor momento no Dépor

"Pode ser. Estou nun momento no que fisicamente me atopo ben, están a saírme as cousas e ao equipo vaille mellor. Iso repercute en que o meu nivel sexa un pouco máis elevado".

Segundos antes do golpeo no gol

"É un golpeo que practiquei bastante. De tanta práctica segundo me queda xa tiña claro con que superficie pegarlle. Por sorte pilleina ben e puido entrar dentro".

Futuro

"O máis importante é salvarnos. O Club e todos os xogadores temos que ter esa prioridade. Sobre o meu futuro, o Club sabe a miña predisposición. Eu sei a do Club. Sabendo iso todo será moito máis fácil para chegar a un acordo".

Saída de Koné

"El está no seu dereito a tomar a decisión que tomou. Tampouco podemos dicir nada máis. Non lle podemos reprochar nada. No tempo que estivo aquí deuno todo. Temos que quedarnos con iso e desexarlle o mellor porque é un rapaz estupendo"

Proxecto a temporada que vén para loitar polo ascenso

"Estamos nunha dinámica adecuada para conseguir a salvación. Este é o camiño que temos que seguir. Se nos salvamos, un Club como o Deportivo confío en que faga un proxecto grande, con aspiracións a subir. Veremos se pode ser xuntos. Eu creo que si".

Rescatado un punto ou perdidos dous

"Todos nos imos coa sensación de perder dous puntos porque o Dépor en liñas xerais foi superior ao rival. O gol vén dunha acción que non é penalti. Prexudícanos para poder levarnos a vitoria".

Partido ante o Huesca en ABANCA-RIAZOR

"É un partido moi duro. Xa o vivimos na ida. Un partido que nos custou moitísimo. A partir de aí collemos unha dinámica mala. Entón que mellor que tentar resarcirnos cunha vitoria, poder acariñar a permanencia. Temos máis días do habitual para preparar o partido. Seguro que chegamos nas mellores condicións posibles".

Un Aketxe con máis confianza

"O míster deume esa confianza que a todo xogador lle fai falta. Soubo encaixar as pezas e encaixei ben nese esquema. Síntome a gusto, cómodo. Oxalá poida seguir mantendo este nivel".

Decisións arbitrais onte en Tenerife

"Unha disputa aérea sen máis nos pitan un penalti. Eu podo entender que o árbitro nese momento poida ver un penalti. Logo que teña esa humildade para utilizar esa ferramenta que che están dando, que tes nas mans. E se tes que rectificar pois rectificar. Pero polo menos apoiarte niso. É o que lle pediamos, que fose ao VAR e que polo menos o vise. En ningún momento. Encima as formas coas que se dirixía a nós non foron as adecuadas. É algo co que hai que tragar pero non creo que sexa o camiño adecuado".

Loita barata polo ascenso e o play off

"Todos pensamos que se fixésemos unha primeira volta non tan mala igual agora estariamos a pelexar por entrar en play off. Temos que aprender do que pasou na primeira volta, que a todos nos sirva. E a partir de aí, crecer".

Puntos necesarios para a salvación

"Andará preto dos 50. Tampouco o sabemos fixo. Temos que seguir nesta liña, tentar conseguir vitorias canto antes e ter xa esa tranquilidade que todos desexamos".

Invicto até o final

"Pódese chegar. Pero sabemos como é a Segunda División, que ao final está todo igualado. Nun partido vas perdendo no minuto 90 e gañámolo; e tamén pode pasar ao revés. Tampouco temos que marcarnos ese obxectivo de estar imbatidos. O primeiro é tentar conseguir a permanencia e logo encarar todos os partidos para tentar conseguir a vitoria".