RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Esther Sullastres, primeira fichaxe do Dépor ABANCA 2019-2020

Esther Sullastres Ayuso (Torroella de Montgrí, Girona, 20 de marzo de 1993) é o primeiro reforzo do Deportivo ABANCA de cara ao seu debut na Liga Iberdrola, na próxima campaña 2019-2020.

A gardameta catalá, internacional con España nas categorías sub-17 e sub-19 –na que foi subcampioa de Europa en 2012– e en 1 ocasión coa selección absoluta –o 6 de marzo de 2017 contra Islandia na Copa Algarve–, ten no seu palmarés unha Liga e unha Copa da Raíña, logradas na súa única temporada, a 2012-13, nas filas do FC Barcelona.

Sullastres iniciou a súa carreira no UE L'Estartit, no que comezou con 9 anos e en cuxo primeiro equipo debutou con só 15 anos, en 2008. Co equipo da súa localidade natal xogou 4 campañas na máxima categoría, nas que totalizou 71 partidos.

Posteriormente fichou polo FC Barcelona, co que xogou 10 partidos de Liga e 1 de Champions League. Ao finalizar o seu único curso en Can Barça marchouse ao Transportes Alcaine de Zaragoza, no que militou 2 campañas (2013-2015), antes de xogar outras 2 temporadas no Valencia CF Féminas (2015-2017). Para o curso 2017-2018 regresou á capital aragonesa, co Alcaine xa transformado en Zaragoza CFF. Toda a súa carreira desenvolveuse na división de honra nacional, na que suma un total de 145 partidos.