RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Estrea de altura para o novo Dépor ABANCA, ante un 'primeira' de Portugal e co Trofeo Teresa Herrera en xogo

O novo Deportivo ABANCA estréase mañá domingo 8 de agosto nesta pretemporada cunha das súas citas grandes, a IX edición do Trofeo Teresa Herrera Feminino, en ABANCA-RIAZOR ás 17:30 horas.

O rival será o Valadares Gaia FC, un club da localidade de Vila Nova de Gaia, moi preto de Porto. O equipo finalizou na décima praza o campionato portugués de primeira división 2020-2021, ao non poder entrar na loita polo título á que accederon o oito mellores da primeira fase e liderar o grupo Norte pola permanencia da segunda fase da Liga BPI.

Miguel Llorente, técnico deportivista, citou a 20 futbolistas, entre elas as canteirás Tati, Aroa Guerra, Marta Rico, Paula Monteagudo, María Figueroa e Noela Sánchez.

Quedan fóra por problemas físicos Alba Merino e Carlota Sánchez, ambas as dúas con molestias nun xeonllo; e Eva Dios, afectada dunha infección de garganta.

Mañá en ABANCA-RIAZOR haberá unha representación de #ANOSAFORZA na bancada, até un máximo de 5.000 persoas polas limitacións derivadas do COVID-19; e o partido será retransmitido en directo pola canle de Youtube do Real Club Deportivo grazas ao patrocinio da firma coruñesa integralmotion.es.

Finalizado o encontro, o cadro do Deportivo ABANCA regresa aos adestramentos o luns 9 de agosto ás 10:30 en Abegondo.