RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Exhibición do tridente ofensivo do Dépor ABANCA, hat-trick e tres puntos (5-1)

No terceiro partido en menos dunha semana continuaron as rotacións por parte de Manu Sánchez. Misa ocupou a portería, os laterais foron para Patri López e Villegas en lugar de Cris e Nuria. Teresa e Arbeláez convertéronse na referencia no dobre pivote en lugar de Kika e Iris. Arriba, Maya e Gaby foron as donas das posicións que o mércores foran da lesionada Alba e Michelle Romero.

Os primeiros 25 minutos do partido caracterizáronse por un ritmo alto de campo a campo por parte de ambos os equipos, con chegadas alternas que as dúas defensas eran capaces de atallar antes de causar problemas a Misa ou a Chelsea.

A única xogadora que foi capaz de romper esa dinámica foi Athenea até en tres ocasiones:

A primeira no minuto 5 chegando desde o costado para dar media asistencia, xa que en dous toques Gaby, o primeiro para orientar a entrada na área e o segundo para rematar cruzado contra o traveseiro e ao fondo da portería, logra facer o primeiro gol do partido.

A segunda nunha xogada persoal da cántabra que se coou na área conducindo desde tres cuartos de campo para disparar duro e a media altura ao fondo da portería e facendo o 2-0.

A terceira forzando un penalti polo costado esquerdo da área ao ser derrubada por Chelsea ao saír aos seus pés. A encargada de transformar a pena máxima foi Peke pondo o 3-0 no marcador no minuto 25.

O partido seguiu polos mesmos camiños, co equipo de Antonio Toledo máis descarado buscando meterse no partido a pesar da desvantaxe. Logrouno no minuto 30 após un paradón de Misa que enviou o balón a córner nun remate de cabeza da dianteira visitante. Ao saque de esquina o esférico chegou á frontal onde Mascaró empalmou de volea baixa cruzado entre toda a defensa polo que a reacción da gardameta era imposible a un gran disparo.

Fisher, alto no 35, tentouno de novo nun tramo de partido no que as ocasións agora si eran claras. A dupla goleadora do Dépor conseguiu materializar unha máis após un balón colgado que rematou de cabeza Gaby, rexeitou Chelsea e, tamén de cabeza, anotou Peke, coa cana preparada preto das súas dúas compañeiras.

Con vantaxe de tres goles locais, un partido dinámico e con moitas ocasións, poucas claras máis aló dos tantos, chegábase ao descanso.

A segunda parte arrincou con dous cambios no equipo visitante e moita menos chegada por parte de ambos os equipos. O ritmo respecto da primeira parte baixou claramente.

No 56, as onubenses viron como lles anulaban un gol por fóra de xogo xusto antes de estrelar, na xogada posterior, o balón no traveseiro coa coxa de Fatou.

A reacción local chegou como resposta cun cambio, Nuria por Bedoya, e un disparo cruzado de Maya desde a frontal que estivo a piques de acabar en gol. Foi do pouco do Dépor ABANCA na media hora da segunda parte, mentres as visitantes seguírono tentando en varias accións que acabaron fóra ou neutralizadas por Misa.

Con esta liña argumental o partido foise consumindo entre faltas, cambios e poucas ocasións de gol. A última xerárona Nuria entrando por banda e centrando para Peke, que entrando desde atrás á frontal da área pequena, anotou o seu terceiro gol do partido e o seu terceiro hat-trick en 10 días de competición. Coa lesión de Fatou, idéntica á de Alba Merino a metade de semana, acabou unha clara e contundente vitoria do Dépor ABANCA que demostrou todo o potencial ofensivo do que dispón para desatascar partidos de ida e volta.

Deportivo ABANCA: Misa, Patri López, María Méndez, Bedoya (Nuria, min. 59), Villegas, Teresa, Arbeláez, Maya (Carlota, min. 67), Gaby (Kika, min. 76), Peke e Athenea ( Michelle Romero, min. 70).

Sporting Huelva: Chelsea, Korina (Fatou, min. 46), Cinta, Tina (Peiró, min. 46), Mascaró (Nogareda, min. 82), Fisher, Patri Ojeda, Castello, Mariña, Alidou (Efih min. 82) e Danica.

Goles: 1-0 Gaby (min. 5); 2-0 Athenea (min. 20); 3-0 Peke (min. 25 de penalti); 3-1 Mascaró (min. 31); 4-1 Peke (min 39); 5-1 Peke (min. 88).

Árbitro: Arregui Gamir (c. Vasco). Amoestou a Patri Ojeda (min. 38) e Fatou (min. 74).

Incidencias: partido da 21ª xornada de Primeira Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante 500 espectadores. As Nosas saltaron ao campo con camisetas de apoio á súa compañeira Alba Merino, lesionada no partido anterior e á que operaban de fractura de clavícula no día de hoxe.