RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Faleceu Seijas, goleador histórico do Fabril e dianteiro deportivista entre 1973 e 1975

- Seijas, segundo pola dereita na fila inferior, antes do seu último partido co Dépor, o 25 de maio de 1975 ante o Caudal Deportivo -

Julio Seijas Doldán (A Coruña, 9 de marzo de 1946), dianteiro fabrilista nos anos 60 e deportivista nos 70, faleceu onte luns 22 aos 75 anos de idade.

Seijas incorporouse á disciplina branquiazul aos 20 anos, en 1966, procedente do Portazgo SD. Co filial deportivista xogou catro temporadas, todas en Terceira División (cando aínda non existía a Segunda B), nas que participou en 107 partidos e anotou 55 goles. Esta última cifra convérteo no terceiro máximo anotador do Fabril desde a súa integración definitiva no RC Deportivo, que se produciu en 1964. Seijas marcou os mesmos goles que Carlos García Becerra e só é superado por Arturo Patiño (80 tantos) e Braulio (79).

Despois de tres temporadas no CD Ourense, co que ascendeu a Segunda División á conclusión do curso 1972-1973, ese mesmo verán regresou a un Deportivo que acababa de descender de Primeira División. Seijas debutou oficialmente coa camiseta branquiazul o 9 de setembro de 1973, en partido da 2ª xornada de Segunda División en Riazor contra o CA Osasuna (1-1). O dianteiro coruñés entrou ao terreo de xogo no minuto 56 en substitución de Plaza.

Aquela temporada, que acabou co Deportivo descendendo ao terceiro chanzo do fútbol nacional por primeira vez na súa historia, Seijas anotou 4 goles en 26 partidos. Na seguinte, a que supuxo o veloz regreso á categoría de prata, xogou 15 encontros, nos que marcou 1 tanto, coas portas da titularidade pechadas por un imparable Alfonso Castro, autor de 21 goles.

A bagaxe de Seijas como branquiazul complétana 9 partidos e 4 dianas en Copa, para un total de 50 encontros e 9 goles co primeiro equipo deportivista, co que disputou o seu último choque e marcou o seu último tanto o 25 de maio de 1975, na 38ª e última xornada de Terceira División fronte ao Caudal Deportivo (3-0) en Riazor.

Con posterioridade, Seijas asinou polo Racing de Ferrol, que abandonou após unha temporada para disputar as tres últimas da súa carreira deportiva nas filas da SD Compostela.

Hoxe martes ás 15:30 horas oficiarase unha misa na capela do tanatorio Servisa e os restos mortais de Seijas serán trasladados ás 16:00 horas cara ao cemiterio parroquial de Santa María de Rutis, en Vilaboa (Culleredo), onde recibirán sepultura.

O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame á familia Seijas e aos seus ex compañeros e amigos. DEP.