RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde cre que o Dépor "non se merece estar a pasar por este momento"

Fede Valverde, que completou esta mañá o seu primeiro adestramento co Deportivo tras regresar da súa selección, compareceu ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O internacional uruguaio recoñeceu sentir "unha felicidade inmensa despois de conseguir o obxectivo de ir ao Mundial. Agora a gozalo e vir con todas as ganas e da mellor maneira para o Dépor".

Acordouse nestes momentos de satisfacción de "os meus pais, que foron os que loitaron comigo todo este tempo. Tamén se merecen esta alegría".

Agora, ante o reto de conseguir unha segunda vitoria consecutiva en Liga co Dépor despois do triunfo fronte ao Getafe no Estadio ABANCA-RIAZOR, pide "traballar duro. Traballando día a día con todo, da mellor maneira posible, o Dépor ten bo equipo para chegar o máis lonxe posible".

Apunta que a súa posición no campo defendendo as cores branquiazuis, escorado a unha banda, "non é a posición onde realmente me sinto ben. Falei co técnico, con Pepe Mel. O traballo que me pide é que me meta ao medio, que trate de buscar o balón e que cre varias oportunidades de ataque".

Precisamente do adestrador deportivista tivo palabras de eloxio: "Traballa moi ben connosco. Ten toda a nosa confianza, a nosa fe, o noso apoio. Non só perde el os partidos, perdémolos todos. Somos un grupo. Temos que sacar isto adiante todos xuntos. Xa virán as boas noticias, traballamos para que saia todo ben".

Ve a súa etapa actual, tras a súa chegada a Primeira División e o seu debut na selección absoluta de Uruguai como "a máis complicada, a máis difícil. Teño que adaptarme rápido. Foi un cambio grande despois de estar a xogar en Segunda B, a un equipo tan grande como o Dépor, en Primeira. E na Selección. Teño que estar adaptado e traballar para estar á altura de todo isto".

Cre que o Deportivo ten "un equipo moi bo, que traballa duro día a día e que non se merece estar a pasar por este momento. Temos que manter o nivel de protagonismo en cada partido porque o podemos facer".

Preguntado por Ipurua, o escenario do partido deste domingo 15 de outubro ante o Eibar (12:00 horas, Bein LaLiga), conta Fede Valverde que "me comentaron compañeiros de Uruguai que é un campo duro, pequeno. Hai que acostumarse ao xogo deles que non é nada fácil".

Agradeceu publicamente os eloxios que o exdeportivista Walter Pandiani transmitiulle a través das redes sociais: "É moi bonito. El foi un xogador que aquí lle foi moi ben. Iso alégrame moitísimo que xente como el fale ben dun. É moi bonito e estou moi orgulloso".