RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde e Francis, suplentes hoxe con Uruguai e Nixeria respectivamente

- Foto: AUF -

Hoxe venres, Fede Valverde con Uruguai e o fabrilista Francis con Nixeria arrancaron os seus respectivos partidos no banco e non chegaron a saltar ao terreo de xogo.

Mañá sábado xogará Celso Borges en Málaga ante España (21:30 horas).

Fede Valverde, suplente ante Polonia

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrouse un longo desprazamento a Sudamérica neste parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles foi ante Polonia, en Gdansk, hoxe venres 10 de novembro. Fede Valverde foi suplente e non xogou nun amigable que acabou en igualada (0-0).

O segundo partido fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, será o martes 14 de novembro (20:45 horas).

Francis, no banco de Nixeria

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechou a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) hoxe venres 10 de novembro. O partido acabou en empate (1-1), con Francis no banco.

O martes 14 de novembro, Nixeria disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).

España será rival mañá sábado de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.

O primeiro deles será mañá sábado 11 de novembro no Estadio da Rosaleda de Málaga (21:30 horas) ante España.

E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).

Schär, con Suíza, venceu en Irlanda do Norte

O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexa contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018 en formato de eliminatoria de ida e volta.

O partido de ida xogouse onte xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast. Gañou Suíza (0-1), que se achega así ao Mundial. Schär foi titular e xogou completo o encontro, a pesar de recibir un cartón amarelo aos 5 minutos de xogo.

A volta será o domingo 12 de novembro (18:00 horas) no St. Jakob Park de Basilea (Suíza).

O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.

Pantilimon foi titular ante Turquía

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía.

O primeiro deles foi onte xoves ante Turquía no Estadio Constantin Radulescu de Cluj. O meta Pantilimon foi titular e xogou 71 minutos. O outro deportivista, Florin Andone, saltou ao campo no minuto 67 substituíndo a Keserü. Venceron os romaneses (2-0).

O segundo encontro amigable de Romanía será o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda (21:00 horas).

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

O fabrilista Ismael Díaz xogou a segunda parte fronte a Irán

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para dous partidos preparatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, onte xoves 9 de novembro, os panameños caeron (2-1) ante Irán no UPC-Arena de Graz (Austria). Ismael xogou toda a segunda parte, na que substituíu a Josiel Núñez.

O martes 14, Panamá visita a Gales, no City Stadium de Cardiff ás 19:45 (hora local).