RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde viviu no banco o Uruguai-Arxentina

Dous xogadores do RC Deportivo tiveron partido internacional onte xoves 31 de agosto: Fabian Schär e Fede Valverde.

Esta tarde e noite a quenda é para Celso Borges (en Estados Unidos), Tytoń (en Dinamarca) e Andone (en Bucarest fronte a Armenia).

Fede Valverde queda sen debutar coa absoluta

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os próximos encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste mídese a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o novo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20.

A selección de Uruguai enfrontouse a Arxentina en Montevideo onte xoves 31 de agosto (1:00 da madrugada de hoxe venres 1 en España). Houbo empate sen goles (0-0) e o mediocentro deportivista non chegou a saltar ao terreo de xogo, no que tería sido o seu debut coa absoluta.

O martes 5, os uruguaios visitan a Paraguai (20:00 hora local, 2:00 da madrugada do mércores 6 en España), partido que se disputará no Estadio Defensores del Chaco de Asunción, a capital do país.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica con 24 puntos. O catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.

Schär foi titular con Suíza ante Andorra

O central deportivista Fabian Schär foi titular no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

O defensor branquiazul xogou o noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.

Os suízos, con 21 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 18 puntos.

O domingo 3 de setembro (20:45 hora local), Suíza visitará á pechacancelas de grupo, Letonia, en Riga.

Tytoń, con Polonia, hoxe venres ante Dinamarca

O meta deportivista Przemysław Tytoń foi citado para o Dinamarca-Polonia de hoxe venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague (20:45, hora local) e o Polonia-Kazajistán do luns 4 no Estadio Nacional de Varsovia (20:45, hora local).

Ambos os choques, nos que participará o porteiro deportivista, son clasificatorios para o próximo Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 16 puntos, con 6 de vantaxe sobre Montenegro.

Estados Unidos, rival de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, terá dous complicados rivais na carreira cara ao Mundial de Rusia 2018.

Asi, hoxe venres 1, a selección costarriqueña visita a Estados Unidos, en choque que se disputará no Red Bull Arena de Harrison (Nova Jersey, 18:55, hora local, 00:55 da madrugada do sábado 2 en España).

O martes 5, Borges enfróntase a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local, 4:00 da madrugada do mércores 6), un dos favoritos para clasificarse para a cita mundialista.

Andone medirase sen marxe de erro a Armenia e Montenegro

A Selección Romanesa conta con Florin Andone para dous partidos oficiais, clasificatorios para o Campionato do Mundo de Rusia 2018.

Así, hoxe venres 1 de setembro, Romanía mídese a Armenia no National Arena da capital Bucarest (21:45, hora local); e o luns 4, o combinado romanés visita a Montenegro nun choque que se xoga no Podgorica City Stadium de Podgorica (20:45, hora local).

Os romaneses teñen pouca marxe de manobra, posto que marchan cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 6 puntos, a 10 de distancia do líder Polonia; e a 4 puntos da segunda praza, que daría opción a xogar a repesca, en poder agora mesmo de Montenegro.