RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Cando o equipo está acougado, demostra o talento e a capacidade que ten de competir"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "o equipo gañou un pouco de autoestima no día de hoxe. Víronse (os xogadores) que eran capaces de manexar, de controlar perfectamente a un equipo de Primeira División. Por tanto esa sensación de confianza vai ser importante para o partido do domingo", no Estadio Ruta da Prata ante o Zamora CF (17:30 horas).

O técnico deportivista é consciente que pesa cada fin de semana no equipo "o resultado; estar a pensar no resultado; que se non ganas non sei que; que tes que gañar... É unha cousa que pesa no equipo. Hoxe xogabamos un partido no que non eramos favoritos. Esa dúbida, ese pensamento negativo é unha cuestión psicolóxica. É o que hai, é a realidade. Temos que afacernos a iso, aceptar quen somos e conseguir xogar exactamente igual en Segunda B, coa mesma calma, paciencia, tranquilidade, movendo a pelota con sentido. É unha materia que temos suspensa. Somos favoritos en Segunda División B e agora témolo que demostrar. Diso non podemos escapar".

Apunta que o equipo "cando está acougado, cando non ve a responsabilidade de ter que gañar demostra o talento e a capacidade que ten de competir. É unha boa noticia para o partido do domingo e estou moi contento por iso".

Precisamente do choque en Zamora, Fernando Vázquez indicou que "é un partido importante. Este e o seguinte (en Salamanca) son importantes porque tampouco sabemos o que pode pasar a continuación. Pola situación da pandemia sería moi interesante gañar estes dous seguintes partidos. Niso imos ir a Zamora".

Pola súa banda, Pablo Machín, técnico do Deportivo Alavés, recalcou que "sabiamos que para o Deportivo era un partido súper estimulante: xogar ante unha Primeira División cos futbolistas que ten, que moitos deles xogaron nesta mesma categoría tamén. Ían saír esporeados. E nós iamos coa firme idea de pornos ao seu nivel, tomándoo coma se fose un equipo de Primeira. E é certo que non nos saíu todo o ben que nós queriamos, máis por méritos do Dépor".

Na súa opinión, o Deportivo "na primeira media hora baleirouse e logo notou un pouco o cansazo. Aínda así a ocasión máis clara foi un pau que tivemos nós. Na segunda fomos dominadores, tivemos algunha ocasión máis para marcar antes dese 0-1. E en fútbol se non acertas ao final sofres. E como só marcamos un gol, ao final envorcáronse. Non o pasamos excesivamente mal, pero sempre coa incerteza do marcador".