RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez confesa sentir "unha gran alegría", estar "expectante e emocionado" pola volta de #ANOSAFORZA a ABANCA-RIAZOR

Fernando Vázquez lembrou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o RC Celta B, rival do Deportivo este domingo 13 de decembro en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, TVG), "é un equipo de canteira co que significa iso. Cando es un rapaz novo ás veces podes facer partidos extraordinarios. A regularidade non é unha norma nos equipos tan novos pero son futbolistas á espera de subir ao primeiro equipo. E esa motivación, esa alegría, esa despreocupación de xogar sen o que o resultado poida influír fai que o seu fútbol poida ser máis ou menos fluído".

Nesta liña, advirte que o equipo céltico "é un equipo que xoga ben, con velocidade, con calidade. E a iso enfrontámonos".

O técnico deportivista non ve este encontro como "un derbi, como un partido de rivalidade. Véxoo como un equipo máis que vai vir a ABANCA-RIAZOR. Para min a rivalidade é co RC Celta, co primeiro equipo. Non é co seu filial. Pero a situación é a que é. É unha situación un pouco dolorosa para o deportivismo pero que ninguén pretenda converter este partido nun derbi porque nós non o vemos así, nin #ANOSAFORZA nin os meus xogadores".

En canto ao xogo ofensivo do Dépor, Fernando Vázquez apunta que "demos un paso adiante. Despois poderiamos falar se a nivel de progresión, de penetración, de profundidade, de ocasións de gol estamos faltos. Pero o equipo está a dar pasos cara a adiante no sentido que teña un ritmo diferente e unha dinámica especial. Segue sendo un punto no que temos mellora".

Preguntado por Rui Costa, indica que "está nun estado de forma diferente ao que chegou aquí. Cada día está máis preto porque cada día está mellor. Está a traballar forte, está a traballar ben. Sempre se pode traballar máis, estar mellor preparado pero está preto. Cada vez que sae dá indicios de que pode ser un xogador importante para nós".

Finalmente, a Fernando Vázquez suponlle "unha gran alegría" contar con #ANOSAFORZA nas bancadas de ABANCA-RIAZOR: "Estou expectante e emocionado porque xa vin o comportamento do deportivismo no primeiro partido da temporada. Espero iso. Unha atmosfera marabillosa, reencontrarse co fútbol que é a relación equipo-bancada. Iso é un partido de fútbol. Todo se vive de maneira diferente. Fútbol en estado puro".

Co deportivismo na bancada, "os xogadores sentirán ese empuxe, esa sensación de volver reencontrarse en ABANCA-RIAZOR con público. Iso vai ser moi importante e moi diferente. A sensación de xogar nun estadio baleiro a xogar con público... É fundamental".