RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "É un espectáculo denigrante que ennegrece por completo unha competición"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "o equipo celebrou o sentimento que tiña dunha situación de vergoña, de humillación polo tratamento que considero que nos deu LaLiga".

Opina que para o Deportivo "é un triunfo importante pero cando viña no autobús sentíame avergoñado do que ía pasar no Estadio. O partido podería ser moi reclamado, poderíase tomar como un éxito do fútbol español. Algúns cantarán as virtudes deste partido no sentido de que ao final se acabou a temporada; pero o prezo que paga LaLiga, a organización é decepcionante. Mentres miraba o partido sentíame avergoñado do que estaba a ver. Que un equipo como o CF Fuenlabrada, após pasar o coronavirus e un equipo como o noso que está de descanso, de vacacións, que teñan que xogar un partido, evidentemente é lastimoso. Xogámolo por obrigación, obrigados. Se non, as consecuencias para o Deportivo poderían ser tremendas. Pero realmente non sentín alegría futbolística hoxe. Sentín vergoña, rabia, humillación".

O técnico deportivista confesa que estaba a pensar "se lle pasase algo aos meus xogadores, aos nosos ou aos do CF Fuenlabrada, ¿quen se faría responsable? Porque aquí hai responsables. Isto non se pode admitir. É un espectáculo denigrante que ennegrece por completo unha competición. Este partido non nos dá a salvación. Seguimos na situación na que estabamos antes pero co orgullo de que cumprimos, de que aquilo que lle prometemos ao Elche CF cumprímolo. Sinto tamén este orgullo. Síntoo polo CF Fuenlabrada. Non teño nada en absoluto contra eles nin contra ninguén a nivel deportivo".

Eloxia aos seus futbolistas, porque "hoxe deron un exemplo impresionante. Deilles as grazas persoalmente un a un porque non tiñan porqué vir. Sen adestrar xogaron e coas súas limitacións xogaron un partido decente. Non sinto alegría. É unha mancha escura na competición".

Pregúntase se "houbo vulneración da competición. Que contesten a esa pregunta. Se LaLiga ou a Federación non queren contestar, o CSD non quere contestar, temos todo o dereito... Este partido tiña que ocorrer en circunstancias diferentes, os dous equipos terían sido máis competitivos, sería máis a verdade do fútbol pero isto é a mentira do fútbol. Por iso estou totalmente decepcionado".

Calfica o choque como "un paripé; pero xa dixen que era un paripé montado, non un paripé para o noso equipo. Xa dixen que iamos disputar o partido. A propia Liga non merecía que disputásemos o partido. De lealdade a lealdade. LaLiga traizoa ao Deportivo e a nós, traizoados, esíxesenos competitividade nunhas circunstancias imposibles de ter. Vimos de vacacións porque a propia Liga díxonos que o partido non se ía a celebrar. Ninguén pode dicir que este partido foi de competición. Foi un partido que había que xogar porque había uns intereses, porque non se tomaron decisións e as que se tomaron foron erróneas. E non houbo nin a humildade nin a sabedoría para emendar un erro que de principio evitase un mal maior".

Pola súa banda, José Ramón Sandoval, técnico do CF Fuenlabrada, cre que non houbo penalti na acción do segundo gol do Dépor. Ademais, destacou o esforzo dos seus xogadores, aos que definiu como "titáns. Deron a vida polo escudo do Fuenlabrada e polos compañeiros que se quedaron alí".