RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Gústame a enerxía positiva que se transmite cara ao equipo"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de Abegondo que "agora, coa chegada de novos xogadores, tes que empezar a moverte cara a un sitio. Cara a onde imos evolucionar? Eu sinceramente nin o sei. Os xogadores que se incorporan, que me parece que melloran o que temos en moitos sentidos, temos que introducilos facendo que o equipo vaia cambiando e gañando ao mesmo tempo. Non é fácil pero ímolo a tentar".

Ao técnico deportivista agrádalle que "a xente confíe no equipo, esa enerxía positiva que se transmite cara ao equipo. Gústame que o equipo crea. E que ese optimismo e esa enerxía sexa ben utilizada. Que miren a clasificación e que saiban onde estamos. Vou facer unha profecía, que é unha bobada. Volveremos perder. Perderemos partidos. Sei que vou perder partidos porque é parte da competición. Esa derrota non nos pode parar. Tranquilos. Imos fallar. Relaxarse. Pero levantarémonos e volveremos".

Admite que a situación mental do equipo é "adecuada. Todo saíu perfecto. Imos empezar unha segunda volta esquecéndonos da primeira. Son 22 finais. Cada partido é independente. Non miredes nin a clasificación. Só ir contando as vitorias. O noso obxectivo é gañar 12. Podemos fallar 9. Serían 51 puntos entón. Ves a segunda volta parcialmente, a nivel psicolóxico é moito máis motivante que velo en conxunto, na temporada. Estamos niso. Imos a Albacete. O equipo está determinado a non perder. O éxito é algo predicible, factible a condición de que adestradores e xogadores tomen unha determinación de non aceptar a derrota. de buscar sempre a vitoria e a excelencia persoal e colectiva. Isto é fácil dicilo. ¿Que hai que facer para conseguir iso? Traballar, entusiasmo, alegría, paixón e estratexia claro. E as cousas están a saír ben".

Insiste en que "a derrota é moi fácil. Non tes que facer nada para perder. É así. Pero a vitoria esixe traballo, esforzo, mentalización día a día, non perder a concentración. Gañar sempre é durísimo, evidentemente".

Ten pensado Fernando Vázquez unha promesa se o equipo é capaz de manter a categoría: "Algo que me gusta, que é a bicicleta, tentaremos subir o Monte Ézaro o próximo ano. É factible porque xa o fixen. Pero hai que adestrar para iso. É unha quilometraxe longa e unha pendente de 3 quilómetros súper dura. Xa o fixen algunha vez".

Do Albacete, rival mañá domingo 26 de xaneiro no Estadio Carlos Belmonte (16:00 horas, Movistar LaLiga), o adestrador branquiazul indica que "a todos nos gustaría estar na posición do Albacete. Ten un número de puntos importante. É un equipo que, dos que coñezo, xoga de forma diferente. Busca e repite con certa constancia un tipo de fútbol directo: pase longo, segundo balón e chegada á área con moitísima xente. É asombroso a xente que mete na área cando hai un centro. É unha constante que en equipos de Segunda División non coñezo. E ademais fano ben".