RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez indica que "controlamos o partido perfectamente" e márchase "contento polo resultado"

Fernando Vázquez manifestou ao concluír o encontro en Pasarón ante o Pontevedra CF que "fixemos un partido bastante interesante pero seguimos tendo un problema de profundidade e de finalización. Controlamos o partido perfectamente, especialmente na primeira metade. Na segunda parte sufrimos un pouco máis, pero ben. Marcamos o gol e non esperaba o gol do empate sabendo a nosa fortaleza defensiva".

O técnico branquiazul subliña que o tanto da igualada local chegou "nun descoido do que eu me sinto algo culpable. Estaba a dar instrucións a Eneko cando sae ese balón da portería. Se ves o desenvolvemento da xogada faltaba un futbolista que sería Eneko. Moi mala sorte porque ese centro era defendible".

Márchase "contento en liñas xerais. Xogamos ante un bo equipo. Contento polo resultado pero a propósito de que poderiamos conseguir algo máis".

Nesta liña, non pon ningún pero ao empate final no marcador: "O empate sempre é xusto porque marcas un gol, eles marcan outro. Non teño nada que reclamar. Podería dicir que é un empate xusto".

Fernando Vázquez notou no Dépor pasos adiante "de máis control da pelota, especialmente no primeiro tempo. Fomos capaces de manexar a pelota con facilidade pero faltounos quizais máis profundización por fóra porque tiñamos os nosos laterais moi abertos e moi fáciles de contactar pero había que facer cambios de orientación, saber lanzalos ben polas bandas e niso non estivemos moi acertados".

Estaba convencido de que Lara "era o xogador que me ía a gañar o partido" e, sobre a súa expulsión, cre que foi "unha decisión arbitral moi estrita, moi rigorosa. Ás veces non se sabe quen está máis nervioso, se o árbitro... A min deume a sensación de que estaba máis nervioso o árbitro que os propios xogadores. Paréceme que as decisións que tomou foron precipitadas e demasiado estritas. Xa me pareceu no primeiro tempo cos cartóns amarelos aos nosos xogadores".

De feito, conta que "se viu na obrigación de substituír a Uche porque sabía que podería vir a segunda amarela. De aí a decisión de cambialo. En canto a Mujaid, confiaba que aguantase pola súa velocidade e pola súa capacidade de anticipación. Fixo un partido extraordinario".

Finalmente, preguntado pola entrada de Rui Costa, indicou que "se está achegando, xa empeza a estar nunha situación óptima polo que reflicten nos test que lles facemos de forza rápida... Está a achegarse e creo que temos aí un futbolista que nos pode dar cousas".