RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez lembra que o Dépor "ten un percorrido longo para mellorar" e advirte que "non imos gañar sempre"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de Abegondo que o domingo pasado "fixemos un primeiro tempo tecnicamente malo non só en aspectos técnicos individuais senón colectivamente. Non fixemos o que falaramos a nivel de posicionamento do equipo. E no segundo tempo melloramos bastante".

O técnico deportivista lembra que o Dépor está en construción: "Temos un percorrido longo para mellorar o equipo pero as miñas palabras non son garantía de nada. Espero que así sexa e que vexamos a un Deportivo máis fluído e máis solto. Os resultados tampouco os garanto".

É consciente da "obrigación de gañar sempre, pero repito que non imos gañar sempre. A xente ten que estar preparada porque no camiño exitoso que puidese ter o Deportivo este ano vai haber derrotas. Esperemos que non sexa en oitavos ou en cuartos de final porque viriamos para casa".

Considera "compatible gañar os partidos con facer evolucionar o equipo. Parte da evolución do equipo está no estado de forma individual. E aí si podo traballar e estamos a traballar. E tamén colectivamente durante a semana teño tempo para desenvolver moitos aspectos do equipo para que se atope máis seguro e teña menos incertezas".

Tamén opina que "é moi pronto para tomar decisións sobre que futbolistas van ser fundamentais no equipo porque se como está o equipo, como xogou o primeiro partido. Teño que ser respectuoso cos futbolistas porque a responsabilidade de que estean como estean é miña e non podo culpabilizarlos de que o seu rendemento non fose o esperado. Hai que esperar uns partidos para ver o potencial de cada futbolista e a partir de aí podemos falar de futbolistas fundamentais e menos importantes".

Nesta liña, advirte que "teño un equipo bastante igual con posibilidades diferentes. Teño 5 cambios en cada partido e a miña forma de actuar é que fago os 5. Con iso, 15 futbolistas van ser moi importantes neste equipo".

Ve o partido deste domingo 25 de outubro no Estadio San Lázaro Vero Boquete ante a SD Compostela (17:00 horas, TVG) como "unha posibilidade de vitoria. Temos que ir gañar o partido tal e como son as circunstancias e polo noso potencial. Só contemplo a posibilidade de gañar ante un rival súper organizado, con Yago Iglesias como técnico. Leva varios anos neste equipo, o que lle dá unha vantaxe importante. Partido díficil, complicado nun campo que os rivais estrañan bastante".

Lamentouse de que non haxa público na bancada pola pandemia: "Débolle moito á afección do Compostela e seguramente estaría tamén #ANOSAFORZA porque é un partido á beira de casa. É un partido no que podería haber 12.000 espectadores e non vai haber ninguén. A diferenza é palpable e iso afecta as miñas emocións. Está claro".