RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Freada ao Deportivo en El Alcoraz (3-1)

O Deportivo sufriu a súa primeira derrota en LaLiga SmartBank 2019-2020, na súa visita ao recentemente descendido Huesca, dominador de boa parte dun encontro que deixou encarrilado co 2-0 no último segundo do primeiro tempo e que sentenciou co 3-0 nos primeiros compases da segunda metade.

Juan Antonio Anquela, preparador deportivista, presentou un once inicial con dous cambios con respecto ao do seu debut oficial como técnico branquiazul, o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Real Oviedo. No lateral esquerdo, Diego Caballo deixou o seu sitio a Luis Ruiz. No extremo dereito, Borja Galán foi substituído por Pedro Sánchez.

O encontro arrancou con 5 minutos de atraso debido a que a rede dunha das porterías estaba desprendida na súa parte baixa.

Comezou o conxunto local levando o peso do partido, con posesións moi longas e faltas rápidas cando o Dépor recuperaba a pelota. Con todo, o primeiro disparo do partido correspondeu ao equipo coruñés, nunha manobra de Koné en mediocampo, que virou sobre si mesmo para desbordar a Pulido e lanzou un zurdazo desde moi lonxe que se marchou desviado.

O Huesca respondeu pronto, no minuto 11, após unha acción dentro da área de Raba, cuxo durísimo centro-chute atopou a cabeza de Kike Hermoso, que ante a velocidade coa que lle chegou a pelota non puido precisar o seu remate. O balón foise por encima do traveseiro.

No minuto 22, o colexiado anulou un gol a Koné por fóra de xogo, nunha falta lateral botada por Aketxe e desviada lixeiramente no primeiro pau por Álex Bergantiños. O árbitro de vídeo, Gorostegui Fernández-Ortega, confirmou a correcta decisión de Díaz de Mera Escuderos.

Catro minutos máis tarde, o Huesca adiantábase no marcador, nunha acción de verdadeira mala sorte. Gaku gañou un duelo con Mikel Rico preto da liña de fondo. O xaponés despexou o coiro pero este impactou nas costas de Luis Ruiz. Dani Escriche recolleu o balón, só dentro da área, e deixou un pase cara ao punto de penalti para a chegada desde atrás de Eugeni Valderrama, que co seu pé dereito bateu a Dani Giménez.

Á media hora, Luisinho rematou moi preto do traveseiro nunha xogada ensaiada. Foi nunha falta xogada en raso pola frontal da área por Pedro Mosquera, cando todos esperaban que a colgase á cazola.

Foi o preludio do 'cooling break', a pausa para hidratación pactada debido ás altas temperaturas reinantes na capital altoaragonesa.

Ao regreso da mesma, no minuto 33, Koné enganchou de volea dentro da área un rexeite chovido do ceo. O remate do marfileño perdeuse á dereita da portería de Álvaro Fernández.

No minuto 41 repetiu remate o dianteiro africano, que primeiro porfiou para gañar o duelo a Pulido en mediocampo e comezar un contratataque que conduciu Borja Valle pola esquerda do ataque herculino. O berciano gañou a liña de fondo, antes de servir un balón ao bordo da área para a chegada de Koné que, após un recorte e un rebote, puido rematar co seu pé esquerdo xa desde dentro da área. A pelota acabou, como as anteriores, á dereita do portal aragonés.

No tempo de desconto, foi Gaku Shibasaki o que acabou finalizando un saque de esquina cun remate desde o bordo da área. Álvaro Fernández fíxose co esférico despois de que un defensa amortecese o disparo do centrocampista xaponés.

Con todo, cando o Dépor xogaba os seus mellores minutos, no último instante da primeira metade, Raba enganchou unha volea cunha tremenda parábola ante a que Dani Giménez non puido reaccionar, para ampliar a vantaxe do conxunto local.

A segunda parte comezou coa peor noticia posible: o terceiro gol do Huesca. Non transcorreran nin oito minutos após a continuación cando o cadro local abría aínda máis brecha no marcador, nunha acción na que recuperou o balón en campo deportivista con presión alta. Mikel Rico colleu aberta á zaga branquiazul e serviu desde a dereita ao corazón da área para que Pulido, a pracer, batese a Dani Giménez.

Acto seguido, Anquela meteu todo o que quedaba no banco, con Christian Santos e Samuele Longo en lugar dos dous extremos, Borja Valle e Pedro.

Por se fosen poucos os problemas en defensa, coa fractura de nariz de Diego Caballo e a apendicitis de Peru Nolaskoain, pola que tivo que ser opererado de urxencia esta mesma tarde en Huesca, Michele Somma pediu o cambio após sufrir un golpe a 25 minutos do final. En lugar do italiano entrou ao terreo de xogo Vicente Gómez, co que o Deportivo pasou a xogar con 3 homes atrás (Bóveda, Lampropoulos e Luis Ruiz), con Álex e Gaku por diante deles, Aketxe e Koné nas bandas, co volante canario por dentro e Santos e Longo en punta.

O Dépor recortou distancias cun gran tanto de Christian Santos. No minuto 72, o venezolano culminou cun imparable zurdazo cruzado unha boa combinación de todo o mediocampo deportivista en tres cuartos, con varias paredes entre Álex, Aketxe, Vicente Gómez, Gaku e o propio ariete suramericano.

Trala nova pausa de hidratación, no minuto 78, de novo tentouno Santos de lonxe. Nesta oportunidade, o balón foise por riba do traveseiro.

Con todo, aí practicamente acabouse a bagaxe ofensiva do Deportivo, que a pesar de mandar no partido apenas volveu pisar a área local.

No tempo engadido, o Huesca gozou de dúas claras ocasións para aumentar o marcador. Na primeira, Dani Giménez gañou o man a man a Sergio Gómez. Na segunda, o pau rexeitou o remate de socato de David Ferreiro e o balón perdeuse a córner após golpear nas costas do porteiro deportivista.

Con esta derrota, a primeira do curso, o equipo deportivista mantense con 3 puntos na clasificación, na metade alta da táboa.

SD Huesca: Álvaro Fernández, Pedro López, Pulido, Kike Hermoso, Luisinho, Pedro Mosquera, Mikel Rico, Eugeni (Juan Carlos, min. 69), Raba (Sergio Gómez, min. 88), Dani Escriche (Cristo, min. 62) e David Ferreiro.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Lampropoulos, Somma (Vicente Gómez, min. 67), Luis Ruiz, Álex Bergantiños, Gaku, Pedro (Longo, min. 54), Aketxe, Borja Valle (Christian Santos, min. 55) e Koné.

Goles: 1-0 Eugeni (min. 26); 2-0 Raba (min. 45+4); 3-0 Pulido (min. 53); 3-1 Christian Santos (min. 72).

Árbitro: Díaz de Mera Escuderos (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Pedro (min. 51), Luisinho (min. 74) e Longo (min. 79).

Incidencias: partido da 2ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio de El Alcoraz ante 5.984 espectadores.