RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gandoy: "De retomar (a liga) imos volver da mellor maneira e creo que imos darlle a volta á situación"

Yago Gandoy pasou hoxe venres pola sala de prensa virtual do RC Deportivo.

O canteirán é un dos futbolistas máis veteranos de todo o Dépor. Cumpre a súa undécima temporada en Abegondo após arrancar no Alevín B branquiazul.

Conta que pasa estes días "estando máis tempo cos meus pais, dedicando máis tempo á carreira, vexo máis tempo series... O adestramento en casa nunca o fixen porque estas circunstancias nunca se deron".

Di levalo "ben. Durante todo o día teño cousas que facer: o traballo que nos manda o Club para manternos en forma, a carreira... Xa veremos cando levemos 3 semanas", engade.

Advirte que esta situación "é un tema serio, de saúde e que involucra a todo o mundo, non só a un país. É o primeiro que hai que pensar, tomalo en serio, quedar na casa e seguir as pautas que nos marcan".

Para o centrocampista coruñés, o mellor destes días de confinamento é "pasar máis tempo coa familia. Normalmente adestrando e estudando, paso menos tempo cos meus pais. Pero agora tanto cos meus pais como cos meus irmáns paso máis tempo. E o peor son varias cousas: non poder xogar ao fútbol, non poder adestrar como sempre, non poder facer o que máis che gusta, non poder ver aos teus amigos, á túa noiva, a xente que queres que ao final non podes vela porque hai que quedar na casa".

Sostén que "sen adestrar, todo o mundo perde a forma. De retomarse imos volver da mellor maneira porque nos están dando traballo e creo que imos darlle a volta á situación. Estes últimos 11 partidos imos dar que falar".

Cualifica a temporada como "en xeral boa. Está claro que as cousas individual como colectivamente pódense facer mellor. Son bastante autocrítico e se que podo facelo mellor tanto eu como o meu equipo que é o Fabril".

Preguntado polo Fabril, a un par de banzos do playoff de ascenso, opina que "somos un equipo novo, de rapaces de 19, 20, 21 anos. Hai 2 ou 3 só con máis. Cometemos erros que estamos a pagar caros, como o día do Somozas, que tivemos 6 ou 7 ocasións claras e non as metemos. E ao final perdes o partido. Son erros puntuais que debemos corrixir, por iso estanos custando chegar tanto arriba. Os de arriba tamén están a fallar e quedan 11 partidos para alcanzar o playoff se podemos".

Comparte as palabras do seu técnico, Luisito, sobre o futuro da competición: "En Primeira, Segunda, todas as ligas top do mundo vanse a acabar polo diñeiro que hai en xogo. Segunda B e Terceira non teñen tanta repercusión e teño as miñas dúbidas que se vaia a acabar, aínda que a Federación Galega fixese un comunicado no que dixo que se vai a tentar acabar, que se cadra até o 30 de xuño estamos a xogar, ou mesmo máis tarde. Teño as miñas dúbidas. Non sei se se vai a acabar ou non, oxalá que si. Quero que se acabe porque é o traballo de todo o ano".

O mediocentro canteirán confesou que non está pendente do seu futuro senón "en facelo ben no Fabril e xogar o mellor posible. É cousa do Club, do meu axente. Cando chegue o momento entre todos decidiremos que é o mellor para as dúas partes. Pero estou feliz aquí, quero acabar a temporada e facelo o mellor posible e xa está. Estou centrado nisto".

Baixo o seu punto de vista, Gandoy non se adestra co primeiro equipo porque "o fútbol ao final son decisións. Non se pode falar de xustiza ou inxustiza. Teño que centrarme no que está na miña man, en mellorar o que podo eu e xa está. Facelo ben no meu equipo que é o Fabril para tentar convencer ao míster ou ao primeiro equipo de que podo dar o nivel para estar aí e adestrar con eles".