RCD / NOVAS

Goleada en 45 minutos para despedir a temporada (3-0)

20/05/2017 21:45

O Deportivo pechou a súa 45ª temporada en Primeira División da mellor forma posible, cunha incontestable vitoria ante unha UD Las Palmas que tivo máis balón pero menos profundidade e menos ocasións de gol, mercé a un dobrete de Florin Andone e un tanto de Carles Gil, todos eles durante o primeiro período.

Pepe Mel, técnico do RC Deportivo, realizou unicamente dous cambios na formación inicial con respecto á presentada a pasada xornada no Estadio de la Cerámica. Ambas as permutas foron obrigadas debido ás sancións por acumulación de amoestacións de Germán Lux e Celso Borges. A portería ocupouna Davy Roef, que deste xeito se converteu no primeiro futbolista belga en vestir a camiseta branquiazul nun encontro oficial. A posición do mediocampista costarriqueño ocupouna Pedro Mosquera, de regreso a unha titularidade que non experimentaba desde o derbi galego de Riazor, na 28ª xornada.

Despois dun lanzamento lonxano de Ola John que non puxo en aprietos a Raúl Lizoain, no minuto 4 chegou o primeiro tanto do encontro. Guilherme recuperou o balón tras unha falta de entendemento entre Pedro Bigas e Jonathan Viera. O brasileiro serviu en profundidade para Florin Andone. Desmarcado aínda que escorado á dereita, o romanés colocou a pelota lonxe do alcance de Raúl Lizoain cun duro dereitazo raso á cepa do pau contrario.

Roef interveu por primeira vez no minuto 13, nun disparo colocado aínda que frouxo de Hernán Santana. O gardameta deportivista resolveu en dous tempos.

O partido desenvolveuse a partir de entón entre longas posesións con escasa profundidade da UD Las Palmas. Ata que no minuto 28, Andone recolleu o coiro na liña de medios, pegado á liña de cal da dereita do ataque deportivista. O romanés lanzou un autopase sobre Hélder Lopes, ao que superou amplamente por velocidade. Tras unha carreira de case 50 metros, o pichichi deportivista asinou a súa duodécima diana ao derrotar no man a man a Raúl Lizoain.

A piques de chegar ao minuto 40, Ola John desbordou ao seu par, David Simón, e desde a liña de fondo sacou un centro tépedo ao segundo pau. O porteiro canario só puido palmear o coiro, que caeu a pés de Carles Gil. O futbolista valenciano non tivo máis que pór a súa bota dereita para anotar, sen oposición, o terceiro tanto do conxunto branquiazul.

O equipo canario tentouno no tramo final do primeiro acto, pero sen acerto. Primeiro, nun libre directo de Jonathan Viera que Roef deixou ir pola liña de fondo con moi bo ollo. Despois, nunha acción de funambulista de Mateo García tras evitar a entrada de Carles Gil, que o porteiro belga desbaratou coas súas pernas.

A segunda parte comezou con dous cambios nas filas da UD Las Palmas, que puido adiantarse nun libre directo na frontal da área botado por Jonathan Viera. Roef, ben colocado e áxil na súa estirada, abortou o perigo.

A resposta do Dépor non se fixo esperar. No minuto 50, Andone dispuxo dunha oportunidade similar á do primeiro gol, pero nesta ocasión rematou ao corpo de Raúl Lizoain. A acción repetiuse por terceira vez no minuto 57. Esta vez, o dianteiro romanés rematou excesivamente cruzado.

Ata o minuto 74 non inquietou a UD Las Palmas ao Deportivo. Roque Mesa bateu o coiro desde a frontal tras un despexe de cabeza de Alejandro Arribas. Roef chegou coa punta dos seus dedos para repeler o esférico a saque de esquina.

Marlos Moreno, no minuto 81, protagonizou unha boa xogada individual. Con todo, o seu derechazo, á entrada da área, marchouse moi desviado.

Riazor acabou facendo a onda, antes de tributar unha gran ovación a Florin Andone, que cos seus 12 tantos se converte no máximo goleador na súa temporada de debut co Dépor en Primeira desde que Diego Tristán anotase 19 no curso 2000-2001.

Deste xeito, o Deportivo pechou a súa 45ª temporada na elite do fútbol español na 16ª praza, con 8 vitorias, 12 empates e 18 derrotas, para un total de 36 puntos (5 por encima do descenso) con 43 goles a favor e 61 en contra. A campaña 2017-2018 será a cuarta consecutiva en Primeira, algo que só conseguira tres veces ao longo da súa historia: primeiro entre 1941 e 1945 (4 campañas), logo entre 1948 e 1957 (9 campañas) e despois entre 1991 e 2011 (20 campañas).

RC Deportivo: Roef, Laure, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Pedro Mosquera, Guilherme (Álex Bergantiños, min. 72), Carles Gil, Emre Çolak, Ola John (Marlos Moreno, min. 58) e Andone (Fayçal Fajr, min. 86).

UD Las Palmas: Raúl Lizoain, David Simón, Aythami, Pedro Bigas (David García, min. 46), Hélder Lopes, Roque Mesa, Momo (Halilović, min. 78), Hernán Santana, Jonathan Viera, Mateo García e Jesé (Javi Castellano, min. 46).

Goles: 1-0 Andone (min. 4); 2-0 Andone (min. 28); 3-0 Carles Gil (min. 39).

Árbitro: Melero López (c. andaluz). Expulsou a Hernán Santana (min. 79), por dobre amonestación. Cartón amarelo a Fernando Navarro (min. 25), Roque Mesa (min. 38), Carles Gil (min. 44), Pedro Mosquera (min. 48), Hernán Santana (min. 51), Emre Çolak (min. 54) e Momo (min. 54).

Incidencias: partido correspondente á 38ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 21.764 espectadores.

RCD / J38 LaLiga Santander

  • Davy Roef
  • R. Albentosa
  • Fernando Navarro
  • Arribas
  • Laure
  • Emre Çolak
  • Pedro Mosquera
  • Guilherme (72')
  • Carles Gil
  • Ola John (58')
  • Andone (86')

Suplentes

  • Sidnei
  • Bruno Gama
  • Fajr (86')
  • Álex Bergantiños (72')
  • Marlos Moreno (58')
  • Tytoń
  • Juanfran
  • Raúl Lizoain
  • Hélder Lopes
  • Bigas (46')
  • Aythami C.L.
  • David Simón
  • R. Mesa
  • Hernán
  • Viera
  • Jesé (46')
  • Mateo García
  • Momo (78')

Suplentes

  • Mauricio Lemos
  • Montoro
  • Kevin-Prince Boateng
  • Javi Varas
  • Javi Castellano (46')
  • Halilović (78')
  • David García (46')

Estadio

Estadio ABANCA-RIAZOR (21.764 espectadores)

Goles

  • 1-0 (4'). Andone
  • 2-0 (28'). Andone
  • 3-0 (39'). Carles Gil

Árbitro

Mario Melero López amoestou aFernando Navarro (25'), Carles Gil (44'), Pedro Mosquera (48'), Emre Çolak (54') do RC Deportivo y R. Mesa (38'), Hernán (51')(79'), Momo (54') do UD Las Palmas.

RCD / Vídeo

RCD / Vídeo