RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Helena Torres: "O Dépor ABANCA é un equipo moi ambicioso, loitador. E esa filosofía de xogo encántame"

Helena Torres, última incorporación do Deportivo ABANCA, pasouse pola sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Estas foron algunhas das súas frases.

Metas

"A nivel individual axudar ao equipo a polo menos estar onde se quedou esta temporada. Tampouco me poño límites neste tema porque o equipo e eu somos ambiciosos pero sempre cos pés na terra. Esta temporada podemos facer grandes cousas e mellorar o que se fixo a temporada pasada".

"A nivel colectivo somos un equipo ambicioso, que non nos pomos metas porque sempre queremos ir a máis. As metas están difícil definilas pero para min sería mellorar o que se fixo esta temporada e mesmo aspirar a algo máis na Copa da Raíña".

¿Por que o Dépor ABANCA?

"O que máis me atrae do Dépor ABANCA, á parte de ser un equipo moi ambicioso pero sempre cos pés na terra, é o seu estilo de xogo, que che engancha moito a velo e a xogalo. Cando xoguei contra elas a Fase de Ascenso encantoume a súa filosofía de xogo, moi vivo, moi alegre, moi dinámico. E iso gústame bastante".

Temporada do Dépor ABANCA

"Ao Dépor ABANCA coñecino nos play off de ascenso. E nada máis velas xogar sabía que tiña moitas posibilidades de subir a Primeira. Non vou dicir que me esperaba o desta temporada pero tampouco me pilla de sorpresa. Vendo ao equipo xogar podíase intuír que ían facer grandes cousas en Primeira como sucedeu esta temporada sendo a primeira na elite. Vexo a un equipo moi ambicioso, loitador e esa filosofía de xogo encántame. Esta temporada podemos mellorar moito o que se fixo esta".

"Esta temporada seguino bastante polos partidos que televisaban. Gústame moito como xoga e gústame velo tamén. A todo o mundo sorprendeulle pero eu vía que podía facer grandes cousas. O mínimo que espero é igualar o que se fixo a temporada pasada e facer cousas máis grandes".

Negociacións

"O ano pasado tentaron ficharme e por unhas decisións ou outras decidín quedarme un ano máis en Alhama. Este ano contactaron comigo, gustoume moito o proxecto, a temporada que fixeron, o equipo... Foi todo bastante fluído e aquí estou moi contenta e con moitas ganas de empezar".

Contactos co Dépor ABANCA

"Esta temporada o meu representante preguntoume que quería facer no futuro. Eu díxenlle as opcións que había e se seguía estando a opción do Dépor ABANCA que, coa temporada que fixo, parecíame unha grandísima opción. Contactou o meu representante co Dépor ABANCA, estableceron as conversacións, trasladoume a súa oferta e pareceume boa. Foi todo bastante fluído".

Competencia en ataque

"Teño bastante claro que vai haber moita competencia pero vou tentar gañarme o posto, adestrando cada día duro. Esa competencia é boa tanto para min como para o resto das miñas compañeiras porque canta máis haxa, vainos a facer mellorar como futbolistas e vai repercutir positivamente no equipo. É unha competencia sempre sa, como a entendín eu sempre nun equipo. Tereime que gañar o posto como todas as miñas compañeiras".

Decisión de dar o paso

"Este ano cambiou a miña mentalidade. Esta temporada pasada era unha categoría nova co Alhama, xa que se creou esa nova entre a Segunda Nacional e a Primeira División. Este ano apetecíanme novos retos, aspirar a xogar outra vez en Primeira, xogar na elite e manterme alí. E o Dépor ABANCA é un gran equipo para facer todo isto".

Diferenzas entre a Helena do Sevilla e a do Dépor ABANCA

"Madurei como persoa. Cando cheguei ao Sevilla era moi cría, tiña outro pensamento. Agora teño as cousas máis claras. A nivel futbolístico madurei. Cando cheguei ao Sevilla tiña outra demarcación no campo e non me adaptei moi ben ao sistema de xogo. Agora teño outra situación no campo, pódome adaptar ben ao sistema de xogo do Dépor ABANCA, pódolle dar moito".

Definición como xogadora

"Son unha futbolista moi traballadora, moi loitadora. Estas dúas últimas temporadas aprendín moito a xogar de costas, a baixar o balón e dalo de cara. Considérome que son bastante técnica tamén".

Filosofía de xogo e Manu Sánchez

"O estilo de xogo encántame, é moi dinámico, sabe o que ten que facer en cada momento do partido. Cando fai falta tocar tócase, cando fai falta un contraataque lánzase. É un estilo de xogo que se adapta moi ben e dá bos resultados e é moi vistoso. Un adestrador que é capaz de transmitir esa filosofía de xogo e esa forza, merece moito respecto e admiro moito nun adestrador".

Adestramento durante o confinamento

"Hai que saber sobreporse a esta situación que nos veu por sorpresa. Tiña unha táboa de exercicios e facíaa diariamente menos un día que descansaba: nadar, saltar á corda, exercicios de prevención, forza... Facíao na miña casa e o que se podía facer".