RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay cualifica de "bo" o inicio de liga e móstrase sorprendido "gratamente polo que é xogar en ABANCA-RIAZOR con toda #ANOSAFORZA"

Un dos capitáns do Dépor, Ian Mackay, pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O meta coruñés cre que o empate do pasado domingo en El Sardinero fronte ao Real Racing Club foi "bo. Quizá se habería que decantarse por algún lado, a ocasión máis importante foi nosa, na que o porteiro fixo unha boa parada a Willy. Hai que facer ese punto bo gañando en ABANCA-RIAZOR ao Zamora CF (este sábado 30 de outubro ás 17:00 horas, Footters), sacando o tres puntos, e seguindo arriba e enganchados aí".

No seu regreso á Coruña trala súa etapa inicial en Abegondo como canteirán, móstrase sorprendido "moi gratamente polo que é xogar en ABANCA-RIAZOR, con toda #ANOSAFORZA. Estar no campo aí abaixo non é o mesmo que estar na bancada e cando estás aí abaixo ves o apoio do público e é espectacular. Digo ABANCA-RIAZOR por non dicirche, por exemplo, o partido do outro día en Santander. Tamén foi incrible toda a xente que se desprazou. Foi espectacular o partido de Salamanca. Sempre estamos apoiados por #ANOSAFORZA onde vaiamos. O que máis me sorprendeu para ben, porque é para ben, é vivir desde o campo todo o que é o ambiente que se pode vivir da nosa afección e sobre todo de ABANCA-RIAZOR".

Despois deste primeiras nove xornadas de competición, que cualifica como "bo inicio", admite Mackay que "nos gustaría ter máis puntos porque houbo partidos como o da Real Unión que merecemos sacar os tres puntos, e o da SD Logroñés polo tropezo do final do partido, con eses dous puntos que perdemos... Se chegamos a ter tres ou catro puntos máis non pasaría nada e estariamos a falar de estar primeiros agora mesmo e é o que nos gustaría a todos. Os catro primeiros partidos foi espectacular. Logo tivemos unha pequena fochanca de tres xornadas que non conseguimos gañar; e logramos gañar ao UD Sanse outra vez en ABANCA-RIAZOR. O outro día foi un empate nun campo que é moi difícil e que pouca xente vai conseguir puntuar".

A nivel persoal, subliña o porteiro deportivista que "de nove partidos, en seis deixar a portería a cero son moi bos números. Non é só o meu traballo senón o de todo o equipo, que está a facer un traballo defensivo espectacular. Os números do equipo están a ser bos. O outro día foi o único partido que non conseguimos meter gol. Temos que seguir nesta liña, ir a todos os sitios a polos tres puntos, sexa o campo que sexa. Agora pensando xa no Zamora CF para conseguir os tres puntos e seguir enganchados aí arriba".

Pon como único lunar a visita ao Unionistas de Salamanca CF, porque opina que "dos tres partidos que non conseguimos gañar foi o único que non merecemos. Puxémonos por diante no marcador e logo eles déronlle a volta. Tiveron máis ocasións mesmo para irse máis; e logo na segunda parte non conseguimos facer o noso xogo ou meterlles en perigo. Ante a SD Logroñés na primeira parte se nos imos dous ou tres a cero non pasaría nada e por un descoido noso non conseguimos gañar. E contra Real Unión foi un accidente porque non é normal que acabes tirando 25, 30 tiros e que leven o partido tirando dúas veces. Neses tres partidos que non conseguimos gañar o único pero que lle poría foi a segunda parte de Unionistas ou quizais os goles recibidos en aspectos que son corrixibles".

O último encontro en El Sardinero ante o Real Racing Club, no que Álex Bergantiños comezou no banco, deixou para a historia do Dépor a primeira capitanía de Ian Mackay: "Para min é un orgullo. Esa foto está un pouco amolada pola cámara de Footters que se metía no medio e Susi (García, fotógrafa do Club) non a conseguiu sacar ben, acórdome perfectamente. É unha anécdota, pero para min foi un orgullo poder ser 'capi' do Dépor circunstancialmente, porque eu sempre o digo: o capitán é Álex sen dúbida. Segundo entrou no campo, o primeiro que fixen é darlle o brazalete porque hai uns valores aquí que hai que respectar, ou iso é como me educaron a min, o que penso eu".

Finalmente eloxia o traballo dos seus compañeiros de demarcación, Pablo Brea e o fabrilista Alberto: "Pablo está a traballar moi ben. Xa está recuperado completamente da lesión e aperta moitísimo. Alberto está a ter minutos aínda que sexan no filial, e estao facendo súper ben. Nun partido só conseguíronlle meter gol. Non podo dicir nada malo de ningún dos dous porque sería mentir. Están a traballar moi ben, son moi ambiciosos, moi novos, lémbranme a min cando era novo. Non baixan os brazos e para min iso é espectacular. Non podo despistarme en ningún momento porque non quero que me coman a torrada en ningún partido".