RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Intensidade e esforzo para os que non actuaron de inicio na Rosaleda

Os futbolistas que onte non actuaron de inicio ante o Málaga na Rosaleda tiveron esta mañá unha sesión de alta intensidade no campo 2 da Cidade Deportiva de Abegondo. Completaron con normalidade o traballo Carles Gil e Adrián López, ambos aínda sen a alta médica.

Así, após un quecemento e un exercicio de posesión, houbo un circuíto físico con finalizacións e fútbol en espazo reducido.

Os titulares en Málaga, do mesmo xeito que os fabrilistas Francis e Edu Expósito, saltaron ao céspede unicamente na primeira parte da sesión. Logo tiveron tarefas de recuperación no ximnasio e na padiola de masaxe.

Sidnei, á espera de probas médicas que ditaminen o alcance exacto das molestias nos isquiotibiais da súa perna esquerda, tivo tratamento médico e de fisioterapia; Juanfran realizou tarefas de readaptación con Fran Molano, readaptador do primeiro cadro; e tamén quedou na padiola Zakaria Bakkali, cunhas molestias nun xemelgo da súa perna esquerda, pendente de avaliación médica.

Mañá martes haberá xornada de descanso. O equipo volve aos adestramentos o mércores 22 de novembro ás 10:30 horas en Abegondo.