RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime, que ve "moi complicado" retomar a liga co Xuvenil B, entende que se busquen "todos os mecanismos para retomar" o fútbol profesional

Jaime Sánchez, integrante do cadro do Dépor campión de Liga na Temporada 1999-2000 e actual adestrador do Xuvenil B deportivista, pasou hoxe mércores pola sala de prensa virtual.

Explica que o que tenta cos seus xogadores nestes momentos é que "estean o máis vinculados ao fútbol, á súa paixón. Tentamos que teñan con esas rutinas co fin de que estean entretidos, de que non perdan esas ganas de volver. Aínda que sendo realistas, sabemos que é complicado que se volva a empezar".

Nesta liña, comenta que "tentamos facer un seguimento individual, falando con eles, facéndolles ver que este confinamento ten cousas positivas, onde poden realizar moitísimas cousas á parte das rutinas diarias marcadas a nivel físico, relacionadas coa forza, o core, a mobilidade. Algúns o terán máis sinxelo, outros menos. Tentamos que con estas rutinas sigan manténdose na dinámica de fútbol. Tentamos que o vexan como unha oportunidade para prepararse, para estudar, para seguir con esa preparación a nivel de fútbol senón tamén a nivel educativo, a nivel de facer outro tipo de actividades. Que non o tomen como un peche senón como unha adaptación a outras cousas que poden realizar".

A temporada co Xuvenil B da Liga Nacional "está a ser moi positiva en todos os sentidos. É unha categoría complicada. Nesta categoría empezan a xogar ao fútbol, empézanse a enfrontar a rapaces de terceiro ano, algúns mesmo xogando en categorías superiores. Fai que ese nivel sobe. Positivo por como han ir evolucionando desde o primeiro día até o último. Contento por esta evolución que tiveron".

Tendo en conta que hai que priorizar a saúde por riba de todo, nuns momentos nos que "non se sabe por onde se vai a tirar. Para min está claro que a temporada (na Liga Nacional) está acabada en todos os sentidos. A saúde está por encima de todo".

Prefire non mirar ao pasado e, nesta segunda etapa no Club, "valorar se foi xusta ou non xusta a miña saída a primeira vez agora mesmo non serve para nada". Así, queda con "pensar no bonito que foi entrar outra vez no Club, na formación dos rapaces, algo que me apaixona. E seguir encamiñando a miña carreira cara ao mundo do adestrador, o mundo da formación. E seguir vinculado ao fútbol que é a miña paixón".

Considerado como "unha persoa moi inquieta, trata un de mellorar día a día e que as aspiracións sexan as máximas. O día a día é o que marcará o futuro. E sempre vinculado ao mundo do fútbol que é a miña paixón. Un sempre ten que ter as aspiracións máximas para seguir mellorando".

Este período de confinamento lévao Jaime "como todo o mundo, con certa incerteza. Teño dúas vertentes. Aquí na Coruña todo está en orde, levámolo da mellor maneira posible, sempre activos, sendo positivos, tentando axudarnos os uns aos outros aquí en casa. E en Alcalá, a miña outra vertente, onde teño eu parte da miña familia. Aquí cun pouquiño de intranquilidade porque teño ao meu pai ingresado e esa inquietude, esa impotencia por non poder facer nada fai que este confinamento se converta un pouco nunha mestura de sentimentos".

Opina que "a todos nos gustaría que a competición volvese. Pero en categorías inferiores vai ser moi complicado por non dicir imposible. En canto ao fútbol profesional, están a buscarse todos os mecanismos posibles para que se poida retomar. Aínda que na situación na que estamos, o primeiro é a saúde de todos. Priorizar a saúde por diante do fútbol porque todos somos persoas".

Un deses mecanismos que se baralla á hora de retomar a competición é disputar partidos cada 72 horas. Pois ben, indica Jaime que "ese impacto no futbolista sería importante non polo feito de competir cada 72 horas senón polo feito de estar un período bastante grande de inactividade. Aínda que se sigan as rutinas marcadas polo Club, ao final fútbol é fútbol. Non hai mellor forma que estar nun terreo de xogo para poder asimilar o corpo ese período de adaptación. Creo que o principal problema non son as 72 horas, senón o período de inactividade até volver empezar, xa que aínda hai incerteza de cando se vai a empezar, como se vai a empezar e de que forma vaise a empezar".

Da súa temporada como campión de Liga co Deportivo, lembra especialmente o "agarimo da afección desde o primeiro momento que cheguei. Marcoume. Sempre se dixo que A Coruña é a cidade na que ninguén é estranxeiro. É o reflexo á realidade. Alguén que vén de fóra séntese querido, fai que un séntase como en casa. É o feito máis significativo do tempo que levo aquí, a máis diso os partidos. Os partidos están aí pero queda o agarimo da xente. É o que sempre me levei".

Preguntado pola posibilidade de que os futbolistas fagan esforzos como reducións de salarios ou xogar no verán, Jaime sostén que "todo o mundo ten que poñer da súa parte, e máis nestes momentos tan complicados nos que nos atopamos. Cónstame que no Dépor os xogadores van chegar a un acordo coa directiva. E todo se vai a solucionar da mellor maneira posible como se merece esta entidade".