RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucía Otero, adestradora do Dépor Genuine, gañadora do premio eWoman ao Mérito Deportivo de LaLiga

LaLiga, no seu apoio ao talento e o mérito deportivo, participa no circuíto eWoman, punto de encontro para mulleres referentes nos sectores da innovación, a tecnoloxía, o emprendimento e o deporte. eWoman chegou hoxe á Coruña nunha xornada celebrada no hotel Meliá María Pita e organizada pola Opinión A Coruña.

No ámbito deportivo LaLiga entrega desde este ano o premio eWoman ao Mérito Deportivo, que recoñece a mulleres deportistas ou que desenvolven a súa vida profesional vinculada ao mundo deportivo e que sexan exemplo de autenticidade, responsabilidade, evolución, transparencia, integridade, compañeirismo e superación. Unha das candidatas propostas por LaLiga foi a adestradora do Dépor Genuine, Lucía Otero, que hoxe recibiu o seu premio no transcurso do acto.

Após recoller o seu galardón, Lucía mostrouse moi agradecida polo recoñecemento: "En primeiro lugar quixese dar as grazas a LaLiga por pensar en min para este premio xunto a grandes deportistas como Verónica Boquete e Ana Peleteiro. Dar as grazas a LaLiga tamén polo proxecto que me trouxo até aquí hoxe, LaLiga Genuine, unha competición que fixo que me volvese a ilusionar co fútbol como cando xogaba no patio do colexio soñando con ser unha gran futbolista. LaLiga Genuine conseguiu que moitas persoas alcancen ese soño: ser futbolistas do equipo da súa vida, sen barreiras e pondo en valor as súas capacidades e non limitándose pola súa discapacidade. Quero agradecer ao equipo da miña vida, o Real Club Deportivo, o pensar en min para dirixir este proxecto. Cando empecei as miñas prácticas neste club moitos compañeiros dicíanme: 'co difícil que é entrar no Deportivo como adestrador, vanche a elixir a ti que encima es muller, seguro que vas ser ti a primeira...'' e dous anos despois aquí sigo cumprindo o meu soño particular. E por último grazas aos que sempre me deron ás para traballar, pelexar, caerme, perder, gañar, pero sobre todo e máis importante gozar: a miña familia e amigos, polos seus consellos bos e malos que me han feitos ser o que son. Moitas grazas", concluíu.

Lucía Otero, nacida en Tordoia, desde moi pequena gozaba xogando ao fútbol co seu pai e irmán en casa porque debido a uns problemas de saúde non puido iniciar a súa etapa de deportista federada até os 16 anos. Xogou en diferentes categorías tanto a nivel autonómico como nacional sendo campioa de liga e copa na temporada 2010/2011 co Orzán SD e porteira menos goleada durante dúas temporadas consecutivas coa SD Tordoia (2013/2014 e 2014/2015), ademais de conseguir varios ascensos de categoría ao longo da súa carreira deportiva. É graduada en Terapia Ocupacional pola universidade da Coruña, formación complementada para poder combinar as súas dúas grandes paixóns, o deporte e o traballo con persoas con diversidade funcional, mediante o Grao de Ciencias da Actividade Física e o Deporte da UDC, ademais dos cursos de adestradora de fútbol. Vinculada a estes estudos iniciou as súas prácticas de fin de carreira no equipo Benxamín A de o Real Club Deportivo e no Deportivo de LaLiga Genuine e foi neste último onde, após as súas prácticas, se conviertió na primeira adestradora do equipo.

Na xornada de hoxe, ademais do premio eWoman ao Mérito Deportivo de LaLiga, o Real Club Deportivo tamén foi protagonista a través da capitá do Dépor ABANCA Miriam Ríos, que abordou nun relatorio a súa traxectoria vital até converterse en futbolista profesional do equipo.