RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César: "Cada semana que pasa estamos máis preto de que o refacho rompa"

Luis César lembrou na sala de prensa do Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada que "queriamos gañar, viñamos a un campo difícil onde perden moitos equipos, ante un equipo que está en boa liña, que sabe ao que xoga".

O técnico deportivista apunta que se puido ver un partido "de transicións constantemente. Non tiña o balón cada equipo máis de 10 segundos. Un partido de brega e de loita, con varios xogadores accidentados. Foi un partido rudo, basto, moi difícil ante un rival que aquí en casa llo fai pasar mal a todo o mundo".

Reitera o adestrador branquiazul que o Deportivo "quería gañar. Pasan as semanas e temos que gañar. Ata que non gañemos non sentes satisfacción plena. Foi un partido pechado, complicado, basto, moi intenso, con moitos rexeites, moitos fóras de banda, moitos choques, moitas faltas, moito de todo. Os partidos aquí sempre teñen eses ingredientes".

Destaca que o Fuenlabrada "quería gañarnos, quere gañar ao Zaragoza o aprazado aquí, vén de gañar nas Palmas e hoxe non puido gañarnos. Algo fariamos ben tamén".

Sobre o punto conseguido, Luis César lembra que "ao longo dunha liga os empates son moi valiosos. Hai equipos que non se meten nun play off por 1 punto. Hai equipos que non ascenden directamente por 1 punto. A ese equipo que queda fóra dos seus obxectivos por 1 punto, pregúntalle se aquel partido que perdeu o empatase. Canto tes esa necesidade de gañar como temos nós e empatas, sabe a pouco e non nos quita de pobre. É certo que necesitamos gañar, e unha semana máis seguimos á espera".

Opina que para gañar, a este Deportivo fáltalle "ser mellores en todo. Defendendo mellor e atacando mellor, ser sólidos, homoxéneos, que se cumpra o partido que nós queremos. Seguimos avanzando e esta semana toca outra vez o mesmo, comprobar o que fixemos ben, o que fixemos mal. Hoxe foi tamén un partido desgraciado. Estamos con 10 (pola lesión de Montero) e encaixamos gol. É doloroso porque estás aí co partido igualado. Temos que mellorar, claro que si".

Ve ao equipo "moito mellor que hai 15 días cando xogamos contra o Málaga" para encarar a visita do Elche CF a ABANCA-RIAZOR este domingo 10 de novembro (12:00 horas, Movistar A liga).

Asegura que "iremos mellorando. Un equipo que está tan abaixo na clasificación só pode mellorar cada semana, aínda que non sexa unha mellora demasiado perceptible. Estamos a mellorar, o que pasa que ata que gañemos non me vai a crer ninguén. Estamos a mellorar aínda que de momento non nos dá para gañar. Hoxe gañar aquí era complicado porque estamos a falar dun equipo (o Fuenlabrada) que ten moitos puntos e viñeron aquí grandes equipos. O Albacete gañou aquí hai pouco e pasounas canutas. Un equipo que as cousas que fai fainas moi ben. Os refachos terminan, os bos e os malos. Cada semana que pasa estamos máis preto de que o refacho rompa. Espero e desexo que o domingo, cunha semana máis de traballo, de mellora, de evolución e coa nosa afección, tócanos xa gañar ante os nosos".

Móstrase preocupado pola situación clasificatoria e "o que me queda a min é preparar ao equipo para gañar ao seguinte. Non me gusta verme aí na clasificación. Pero a clasificación di moitas mentiras cribles. Pasou un terzo de liga, falta o segundo terzo e isto é moi longo. Ninguén pode sacar peito. Di a clasificación unhas cousas que son verdade pero isto é moi longo e nós imos cambiar e ir para arriba, seguro".

Tamén advirte que o Dépor, hoxe máis de xogo directo, "irá alternando estilos durante os partidos. Hoxe era un campo estreito, de 62 ou 63 metros. É máis comprimido e este equipo está de sorte e faino moi ben. Era un partido difícil e hai que adaptarse. Non fomos capaces ningún dos dous equipos de bater ao opoñente. Iremos alternando. Enriquécenos ter varias maneiras de xogar durante o partido, durante o minuto que sexa, durante o resultado que estea no marcador".