RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho advirte que mañá no Porto "imos atopar moitas dificultades"

Luisinho subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o encontro de mañá domingo 30 de xullo no Estadio do Dragão (20:30 horas en España -19:30 en Portugal-, TVG) é "especial polo equipo que é. É un equipo grande, un equipo da miña cidade, que son do Porto. Sempre é un pracer xogar estes partidos".

É consciente o lateral deportivista que o de mañá é un encontro "distinto aos que estamos a xogar. É un partido que todo o mundo quere xogar. Eu teño esa ilusión de xogar contra o equipo da miña cidade", conclúe.

Destaca o defensor luso que o FC Porto é un rival "moi parecido aos que nos imos a atopar na liga. É o rival máis forte. Leva un mes de pretemporada, está preparado. É un equipo grande. Xoga Champions, ten como obxectivo ser campión da liga portuguesa. Vai ser un partido difícil. Os partidos en Galicia eran partidos para coller ritmo, a esixencia non era tan grande. Agora este partido é totalmente distinto. Imos atopar moitas dificultades. É un pouco a realidade da liga española".

Sobre a marcha da pretemporada, Luisinho apunta que "o equipo está a adestrar ben, está a competir ben nestes partidos que non son tan esixentes pero que nós nolo tomamos en serio. O grupo está a coller esa forma coa que queremos chegar ao primeiro partido de liga".

Ve ás novas fichaxes "novas, humildes. Gústalles traballar. Nós estamos encantados con eles. Esperamos moito, que nos poidan axudar".

Afronta esta nova temporada na Coruña coa intención de "mellorar para min mesmo. É un ano máis tranquilo que os anteriores. Teño que traballar para axudar ao Dépor, a min mesmo. Estou tranquilo para encarar esta nova etapa con esa confianza coa que acabei o ano anterior".

Recoñece que lle faría ilusión portar o brazalete de capitán, como ocorreu nalgún amigable desta pretemporada, porque "levo moitos anos nesta casa. Vin nun momento complicado para o Deportivo. Xa pasei por etapas negativas e positivas. Cando sentes un Club é normal que teñas ilusión por levar o brazalete. Pero non estou obsesionado con iso. Quen o leve vaino levar ben. Se me tocase a min, encantado e feliz por poder representar ao Club".

Cun ano de contrato por diante, Luisinho desvela non obstante que "o meu representante xa estivo aquí na Coruña. As cousas están ben encamiñadas. A ver o que pasa no futuro".