RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho e Adrián, doídos pola derrota "despois de facer o máis difícil que foi empatar"

Luisinho e Adrián López foron os dous mariñeiros que se pasaron pola zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O lateral deportivista comentou que non atopa explicación ao sucedido esta mañá ante a Real Sociedad: "Regalamos os primeiros dez, quince minutos. Sabemos que o rival ten calidade e cando regalas así é difícil. Despois fixemos o máis difícil que foi empatar o partido. E nos minutos finais outra vez en balón parado e nunha contra perdemos. Agora non queda outra que pensar no próximo partido que é contra o Betis e gañar".

Opina Luisinho que os nove tantos que recibiu o equipo "son moitos goles. Non nos podemos permitir isto. Na liga os equipos teñen moita calidade. Non podemos permitir que nos fagan tantos goles".

Pola súa banda Adrián López, titular e goleador esta mañá, confesou estar "triste por perder tres puntos importantes. O partido foi un pouco tolo. Púxose moi costa arriba nos primeiros minutos con eses dous goles que nos meten tan rápido. Logo tivemos que facer un esforzo moi grande, reaccionamos moi ben e conseguimos empatar o partido. Durante bastante tempo metémolos atrás. Logo ao final non aguantamos os últimos 15 minutos".

Tras a igualada, opina o dianteiro asturiano que "fixemos un esforzo moi grande para poder conseguir o 2-2 que volvía deixar o partido en táboas. Eles teñen boa posesión de balón, fanche posesións longas. Fixemos un esforzo grande para empatar e ese balón parado vólvelles a poñer por diante e a nós déixanos amolados".

Cre que marcar "sempre está ben para os dianteiros, para os que xogamos arriba. Sempre dáche confianza, pero é unha pena que non servise para poder sacar polo menos un punto. Que o equipo puntuase é moito mellor".