RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho: "No Deportivo teñen que atacar todos e defender todos"

Cada vez que Luisinho se pasa pola sala de prensa de Abegondo esgrime o mesmo razoamento sobre a defensa do Deportivo: "Tedes que pensar que o fútbol é un deporte colectivo, de once xogadores. Un equipo como o Deportivo ten que ser consciente que teñen que atacar 11 e teñen que defender 11. Non temos aquí ningún Cristiano Ronaldo nin ningún Messi para desequilibrar o partido".

Asegura que na súa opinión, o Dépor recibe tantos goles en contra porque "defendemos con 4 ou con 5. E iso non o podemos permitir. Por iso encaixamos moitos goles. E iso non o podemos permitir. A culpa non é da defensa soa, é do conxunto que está no campo".

Recoñece, iso si, que "estamos a recibir goles moi temperáns e iso temos que cambialo dunha vez por todas. Pero hai que defender todos e atacar todos", insiste.

Está de acordo o futbolista portugués coa opinión de que o Dépor non é capaz de manter unha liña regular nos últimos anos: "Somos un equipo moi inconstante. Gañamos un partido, perdemos outro. Non damos esa continuidade que nós tamén precisamos. É normal que a xente dubide. Só con traballo, ser moi solidarios, ser un equipo unido, só así imos conseguir cousas. Como vimos coas Palmas, se somos un equipo solidario, os puntos están aí. Temos que ser máis constantes ao longo da liga".

Explica que Cristóbal pide "ter os extremos ben abertos, como Bakkali ou Fede Cartabia (o pasado luns no Estadio Gran Canaria). Deron esa amplitude e nós (os laterais) demos a iniciativa a eles para atacar. Non nos prohibe atacar. Gústalle que os laterais ataquen".

Do Atlético de Madrid, rival este sábado 4 de novembro no Estadio ABANCA-RIAZOR (16:15, Bein LaLiga), advirte Luisinho que "non está na súa mellor versión. Pero é un equipo bastante forte. Arriba ten xogadores que en calquera momento pódenche desequilibrar o partido".

Por este motivo, apunta para sacar algo positivo "estar concentrados do primeiro ao último minuto porque vai ser un partido bastante intenso. O Atlético é un equipo intenso. Temos que igualar esa intensidade".

Subliña que ante o conxunto colchoneiro, "a idea do Deportivo é clara, non defender só. Temos que atacar tamén. Non podemos estar todo o tempo defendendo porque ao final che marcan e non temos resposta para conseguir empatar ou gañar".