RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho: "O equipo quere resolver isto canto antes. Por iso hai frustración por non poder conseguilo"

Luisinho compareceu ante os medios informativos esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Manifestou que os xogadores branquiazuis "estamos un pouco tristes porque sabiamos que era un partido que podía garantir a salvación, non puidemos garantir esa permanencia e dar esa alegría á nosa afección. Pero seguimos pelexando, estamos máis preto do obxectivo, fáltanos un paso e temos un partido en casa contra o Espanyol (domingo 7 de maio ás 18:30, Bein Sports) no que o podemos garantir e acabar xa este sufrimento".

Do partido de onte en Pamplona, o lateral zurdo deportivista agardaba a un rival, o Osasuna, que a pesar de estar descendido xa á Segunda División, "ía entrar forte ao partido, como entrou. Fixemos o máis difícil que era remontar. Escapóusenos nos últimos minutos, pero o equipo pelexou ata o final, non conseguimos o obxectivo que queriamos. Pero temos tres partidos por diante, o primeiro contra o Espanyol en casa, que temos que gañar".

Entende o defensor deportivista o enfado dos afeccionados: "O equipo quere resolver isto o máis rápido posible. Entendo a afección.Teño un agarimo especial pola afección porque cando estaba no momento máis negativo estiveron sempre do meu lado. Por eles estou a matar. Sei que é duro para eles, facer quilómetros, sufrir tanto como nós. Entendo a súa frustración nesta parte final da liga, que non conseguimos darlles esa alegría".

Nesta liña, apunta que "este equipo quere resolvelo canto antes. Está a custarnos. Non dubido dos meus compañeiros, dano todo no campo. Por iso hai esta frustración por non conseguilo".

Sobre o seu futuro, Luisinho non se mostrou preocupado: "Teño contrato co Deportivo. Eu estou encantado de estar aquí. Pasei por momentos difíciles o ano pasado. Pero estou moi ben aquí, moi identificado coa cidade. A miña familia está moi ben aquí. O futuro non me preocupa".

Insiste en que "o obxectivo é que o Deportivo se salve. Logo pode haber conversacións co Club. Pero o obxectivo é a salvación do Deportivo".