RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez asegura confiar "plenamente nas súas xogadoras" e insiste en que "o equipo non perde a fe, cre no que fai"

Manu Sánchez compareceu esta mañá en rolda de prensa telemática horas antes de emprender viaxe de regreso á Coruña desde Valencia, onde permaneceu concentrado o Deportivo ABANCA tralo encontro de onte pola tarde ante o Levante UD.

Confesa que o equipo branquiazul "está a tratar de dixerir esta nova derrota, asimilando a realidade que temos por diante. O traballo máis importante durante a semana é o de tratar de recuperar animicamente ás xogadoras e de que non perdan esa ilusión nin de crer nas súas posibilidades; porque as hai, son reais".

Do choque ante o conxunto granota queda con aspectos positivos: "A loita até o final, ese espírito que ten o equipo de tirar para adiante a pesar das adversidades que temos. O equipo non perde a fe, cre no que fai. Ao final ese selo de identidade que temos como equipo no noso xogo somos capaces de expoñelo diante de cada rival. Son aspectos que nos fan albergar esperanzas de cara ao que vén".

Nesta liña móstrase "moi contento co esforzo das xogadoras porque expoñemos un novo obxectivo tralo descanso de cara á segunda parte. Conseguímolo en gran medida. Son aspectos que nos fan crer. Hai que tratar de animalas porque son as que nos van a sacar disto e van ser capaces de facelo".

Recoñece que onte en Buñol "os dous goles temperáns condénannos no partido. Non creo que sexa por presión porque non estamos a transmitir ningún tipo de presión sobre as xogadoras. Pero si é certo que o primeiro gol é unha acción que xa falaramos, que xa sufrimos. E vólvese a repetir. O segundo considero que é un pouco de falta de fortuna nun rexeite que cae na xogadora do Levante. Pouco podemos facer aí".

Así pois o que toca é "incidir para tratar de corrixir todo isto porque ao final estamos a xogar todos os partidos practicamente desde os primeiros minutos tentando facer unha remontada. É imposible sete partidos consecutivos tentando remontar un resultado en contra desde o inicio. É complicado. Ao final chegan as présas e xestionar todo iso é moi difícil".

Cre Manu Sánchez que o camiño no futuro do Deportivo ABANCA na Primera Iberdrola pasa por "cortar esa sangría de recibir goles no inicio ou tratar de marcar nós antes".

Prefire non falar de situación delicada e si "compllicada. É o noso comezo e non está a saír ben. Pero é certo que o aspecto mental é fundamental. Igual que cando todo che sae de cara axúdache e suma moitísimo; cando as cousas veñen mal dadas tamén é así. Son as famosas dinámicas. É na que estamos e estanos custando moito saír. Vémolo nos partidos e no día a día, as xogadoras seguen pelexando como un bloque, seguen unidas. Estamos todos xuntos no mesmo barco e seguen crendo que isto é unha mala dinámica que temos que cambiar".

En ningún momento viu o adestrador branquiazul "perda de fe. Así mo transmiten elas. Temos que seguir crendo no noso estilo. Un aspecto moi importante do día de onte é que con catro goles en contra, en casa dun dos maiores presupostos desta categoría, o equipo acabou na área rival. Iso é o que temos que seguir reforzando. Non imos baixar os brazos en ningún momento, elas non o fixeron nunca. Iso é o que nos vai a levar a cambiar esta dinámica".

Insiste en que "corpo técnico, xogadoras e todos os que rodean ao equipo estamos a unha. Estamos todos unidos. Sufrimos todos xuntos e celebramos cando toca. Este ano non está a tocar celebrar nada. Non ter puntos no marcador está a lastrar moito máis a mentalidade das xogadoras, que son ao final as que saen ao campo a defender o noso escudo. Hai que traballar niso, temos que darlles confianza porque elas nos trouxeron até aquí e elas son as que nos van a sacar. Non teño ningunha dúbida. Teño plena confianza en todas e cada unha delas. Así o estamos transmitindo. Temos que seguir confiando porque o acerto poida aparecer ou non pero o talento non desaparece".

Co Atlético de Madrid como rival o vindeiro domingo 22 de novembro en ABANCA-RIAZOR (16:15), Manu Sánchez explica que "estamos nunha situación na que non podemos diferenciar moito dependendo do rival que teñamos diante. Estamos ante un dos grandes da categoría pero temos que ir a polo partido coma se non fose así. Para nós é máis importante sumar puntos que preocuparnos da entidade do rival que temos enfronte. Tiñamos en mente unha formulación para ese partido. Imos ver se cambiamos algo durante a semana. Facelas crer que é posible, que este tipo de cousas fixémolas, non é algo novo para nós. Temos que saír o domingo a polos tres puntos. Non hai máis".