RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "Fernando (Vidal) e o seu Consello van darlle continuidade a este proxecto e mesmo o van a potenciar"

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, explicou que o Consello de Administración, na súa visita ao equipo desta semana, "transmitiunos vibracións positivas e sobre todo tranquilidade, que as xogadoras estean pendentes do campo, que estean tranquilas. Fernando (Vidal) e o seu Consello van darlle continuidade a este proxecto de fútbol feminino do Club e mesmo o van a potenciar. Todos moi contentos".

O técnico deportivista insiste en que "estamos a gozar moitísimo do que estamos a facer. Hai que seguir nesta liña. Estamos moi preto do obxectivo e despois a soñar. Temos toda a segunda volta por diante, a Copa. Nese orzamento de ilusión que tiñamos e do que falabamos a principios de temporada, aínda non o esgotamos e imos tentar prolongalo".

Espera mañá domingo 19 de xaneiro (18:30 horas, Gol) ante o Real Betis na Cidade Deportiva "un partido totalmente diferente" ao 3-4 co que as branquiazuis se impuxeron en Sevilla ás verdibrancas: "Abegondo é totalmente diferente ao seu campo, de herba sintética e de dimensións reducidas. Acaban de cambiar o adestrador e están a cambiar o modelo de xogo. O partido debería ser diferente".

Asegura ademais que Carolina Arbeláez e Lorena Bedoya "chegaron en moi boa condición física. Enviámoslles un traballo que tiñan que facer antes de chegar aquí a España para que chegasen nunha forma similar á que traballamos aquí. Tanto os médicos como o resto de compañeiros de readaptación e do Departamento de Forza din que a súa condición é boa. No campo están a responder ben".

A súa chegada ademais, segundo Manu Sánchez, axitou o vestiario deportivista: "É como botar unha pastilla efervescente dentro dun vaso de auga. O vaso está tranquilo e a pastilla xera burbullas. Aquí as burbullas son positivas. Temos un vestiario moi competitivo e entenden que a competitividade e as opcións de xogar, de entrar na lista, apértanse máis. Aquí ademais de boas futbolistas temos moi boas persoas. A aceptación que lle deron ás dúas compañeiras novas, como foi sempre así, foi moi boa. Elas están moi a gusto. Facíanos un pouquiño de falta porque tiñamos un cadro un pouco curto".

Ve a Lorena Bedoya como "unha futbolista que pode actuar tanto de central como de mediocentro defensivo. Estamos a vela máis como central. Dános unha boa saída de balón, ten un desprazamento espectacular. Está a coller moi rápido todas as nosas ideas".

Pola súa banda, subliña que Carolina "nos dá moita máis versatilidade. É unha xogadora que pode ser mediocentro, interior, unha 'box to box', que pode actuar de lateral, que xa o fixo nos seus equipos anteriores. Ábrenos un abanico de maiores posibilidades, unha xogadora máis combativa, moi intensa nos adestramentos. Adáptase ao que nós facemos aquí".