RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "O obxectivo é conseguir a permanencia pero mirando todo o que podamos cara arriba"

Manu Sánchez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a pesar da boa marcha do equipo, terceiro na táboa na Primera Iberdrola, "a mensaxe segue sendo a mesma. Elas téñeno claro e nós tamén. O obxectivo é conseguir a permanencia pero mirando todo o que podamos para arriba porque estamos nun Club cunha ambición moi grande e temos que ser ambiciosas".

O técnico deportivista admite que despois dun mes atípico con parón de seleccións, dúas derrotas (Atlético de Madrid e FC Barcelona) e unha folga por medio, "tes un pouco esa incerteza de como vai responder no campo o equipo, que se me vai cando vexo os adestramentos. Onte fixeron un traballo espectacular as rapazas. Só falta plasmar iso no campo".

Asegura que a pesar do marcador adverso do Estadio Johan Cruyff de Barcelona o pasado domingo, "non fixo falta levantar ningún tipo de ánimo porque elas mesmas eran conscientes do que fixeran. Mesmo están moi satisfeitas da imaxe que demos alí. En canto a ánimo, vemos fame, moita fame por saír mañá a xogar, por volver atoparse coa nosa afección aquí e por demostrar que son dous accidentes, que se poden permitir".

Do Sevilla FC, rival mañá domingo en Abegondo (11:45 horas, Gol), Manu Sánchez defíneo como un equipo "moi traballado". Explica que "está feito a imaxe e semellanza do seu técnico, Cristian (Toro). É un equipo moi intenso, moi aguerrido. Tentará aproveitar o bo momento de xogadoras como Payne. Non dá o partido por perdido ata que pita o árbitro".

Por este motivo, esixirá ás futbolistas branquiazuis "estar moi concentradas, tentar recuperar boas sensacións, os últimos 20 minutos de Barcelona deixáronnos moi satisfeitos. Tentar devolver o apoio da xente aquí mañá cun bo triunfo". "Temos que volver á nosa identidade e a crer no que facemos. Tentar impoñernos ao rival, que nos vai a expoñer un partido duro, esixente. Nos resultados que sacou até agora o Sevilla FC non se transmite o que fixeron no campo", engade.