RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez pide ás súas xogadoras que "gocen" mañá en Lezama, "berce do fútbol feminino nacional"

Manu Sánchez asegura que as súas xogadoras tentarán mañá domingo 29 de setembro (16:00 horas) en Lezama ante o Athletic Club "gozalo. Imos ao berce do fútbol feminino español. Que as xogadoras o gocen. E a competilo".

Advirte que o conxunto vasco "por historia, por traxectoria, por estrutura, por proxecto, non o máis importante ao que nos enfrontamos até agora senón un dos máis importantes desta categoría. Estamos a falar dun equipo con novo adestrador para esta temporada, que cambiou bastante o modelo de xogo. Aínda están nese proceso de asimilar as novas ideas. Combina perfectamente a experiencia de xogadoras históricas do fútbol feminino como Erika, Vanesa ou Ainhoa con novos valores como Damaris, que son o futuro do fútbol neste país".

Lembra que se mediron ao Athletic, "un grandísimo rival", en 3 ocasións, todas elas en partidos amigables. "Agora que poida ser en partido oficial, e en Bilbao, vai ser moi especial", engade após subliñar que "temos traballo, humildade, pero non podemos perder esa ilusión".

Colíder da Primeira Iberdrola, confesa Manu Sánchez que tanto os técnicos como as xogadoras "estamos a gozar dun momento idílico. A xente está a acompañarnos. Á afección do Dépor hai que darlle moi pouquiño para que che responda, e así o está facendo. Está a rebentar Abegondo. E iso é bo".

Apunta que "hai que acougar un pouquiño a euforia. Pero son partidario que, xogadoras tan novas como as que temos que desborden un pouco e gocen ao 100% un pouco todo isto. Son momentos que pasan. O éxito no fútbol é efémero. Teñen que vivilo e contaxiarse de todo iso. Esa alegría está a verse nos adestramentos e estase vendo partido após partido".

No entanto, o adestrador branquiazul avisa que "temos que estar preparados para asumir calquera resultado adverso. O traballo non varía. Sabemos que igual que estamos a facer ben as cousas agora, temos moita marxe de mellora, moitos aspectos a puír. Estamos a facer moitas cousas mal que a xente na bancada non ve e nós si que temos que analizar".

Presume ademais que as xogadoras "están a demostrar unha madurez impropia dun recentemente ascendido. E iso vainos a axudar nos momentos complicados".

O partido da selección española ante Azerbaiján o vindeiro venres 4 de outubro en ABANCA-RIAZOR, segundo Manu Sánchez, "culmina o epicentro do fútbol feminino, que con toda a humildade témolo aquí agora. Estamos a facer un bo traballo desde o Dépor. Que a selección se achegue aquí estamos a pór un pouco no mapa a Galicia e A Coruña no fútbol feminino nacional, que non existía desde facía anos", concluíu.