RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

María Méndez, segunda incorporación do Dépor ABANCA 2019-2020

María Méndez Fernández (Oviedo, 10 de abril de 2001) converteuse na segunda fichaxe do Deportivo ABANCA de cara ao seu debut na máxima categoría do fútbol nacional, a Liga Iberdrola, na próxima temporada 2019-2020.

Méndez xoga como defensa central. Procede do Real Oviedo Femenino –anteriormente Oviedo Moderno CF–, no que debutou con 15 anos, nos últimos partidos que o conxunto asturiano disputou na Liga Iberdrola. As tres últimas campañas disputounas completas coa formación ovetense, todas elas no grupo 1 da Segunda División, o mesmo no que xogou o seu novo equipo desde a súa creación.

Con anterioridade, Méndez deu as súas primeiras patadas ao balón no equipo de fútbol sala do seu colexio, con só 3 anos. Aos 9 anos fichou polo Juventud Estadio e con 13 aterrou no Oviedo Moderno, incorporándose ao equipo B de categoría rexional antes de dar o salto ao primeiro conxunto.

A defensora asturiana, que se reencontrará na Coruña coas súas antigas compañeiras Iris e Érika, tamén alcanzou a internacionalidade sub-17. Coa selección dirixida por Toña Is fixo historia ao proclamarse campioa de Europa en Lituania e campioa do Mundo en Uruguai, ao longo do pasado 2018. Recentemente debutou co combinado nacional sub-19, no torneo de La Manga, no que coincidiu coa súa nova compañeira Teresa Abelleira.