RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Morreu Joanet, exporteiro branquiazul e exadestrador do Fabril

- O Deportivo, con Joanet como porteiro, que se mediu ao Real Madrid no Bernabéu o 12 de xaneiro de 1969 (foto cedida por Cholo) -

Benito Joanet Giménez, porteiro branquiazul a finais dos anos 60 e adestrador do Fabril a comezos da seguinte década, faleceu onte domingo 22 de marzo en Alacante á idade de 84 anos.

Joanet, nacido en Esplugues de Llobregat (Barcelona) o 16 de setembro de 1935, defendeu a portería deportivista durante 6 campañas, entre a 1965-1966 e 1970-1971.

Formado no CD Sarriá, o Tres Torres e o San Francisco, equipos modestos da Cidade Condal, aterrou en idade xuvenil no RCD Espanyol. Aínda que nunca alcanzou a internacionalidad absoluta, durante a súa etapa de formación proclamouse campión de Europa Xuvenil en 1954 e colgouse a medalla de prata nos Xogos Mediterráneos de Barcelona en 1955. No primeiro equipo 'perico' viviu á sombra de Marcel Domingo antes de irse dúas temporadas ao Real Zaragoza, no que tampouco gozou de oportunidades ante Lasheras e Yarza. Xa de regreso ao RCD Espanyol, Vicente Train, co que máis tarde volvería coincidir no Dépor, pechoulle as portas da titularidade. Após un breve paso polo Terrassa FC, non foi até os 26 anos, na campaña 1961-1962, cando comezou a xogar con regularidade. 

Despois dunha década nas filas españolistas, a chegada de Carmelo Cedrún precipitou a súa saída, en decembro de 1964, ao CD Europa. O club do barcelonés barrio de Gràcia viu como uns meses despois abandonaba as súas filas para recalar no Deportivo.

Podes repasar a traxectoria de Joanet en fotos en ReCorDos

Joanet xogou as seguintes 6 campañas no Deportivo, onde foi practicamente indiscutible durante as 5 primeiras. O seu debut produciuse o 5 de setembro de 1965, precisamente contra o CD Europa, en partido da 1ª xornada de Segunda División disputado en Riazor e que os coruñeses gañaron por 3-0 con dous goles de Loureda e outro de Chapela I.

Ao gardameta catalán tocoulle vivir a época do ascensor. Joanet gozou de 3 ascensos a Primeira (1966, 1968 e 1971) e sufriu 2 descensos a Segunda (1967 e 1970). A súa única temporada sen cambio de categoría foi a 1968-1969, unha campaña histórica posto que os branquiazuis acariñaron a clasificación para a Copa de Feiras.

Joanet disputou un total de 146 encontros oficiais co Deportivo, nos que encaixou 164 goles. En Primeira xogou 72 partidos (91 tantos en contra), en Segunda actuou en 55 oportunidades (47 encaixados) e en Copa disputou 19 choques, nos que tivo que recoller o balón da súa portería en 26 ocasións.

- Joanet atrapa a pelota ante Lezcano no Dépor-Celta do 25 de abril de 1970 -

Despois de compartir portería durante aqueles 6 anos con Giráldez, Benegas, o mencionado Vicente Train (ao que na Coruña si arrebatou a titularidade), Mato Pet, Mendieta, Aguilar e Seoane, o gardameta barcelonés xogou o seu último partido co Deportivo o 25 de outubro de 1970, na 8ª xornada de Segunda División fronte ao Cádiz CF no Ramón de Carranza (3-1). Despois da chegada de Arsenio Iglesias ao banco mediado aquel exercicio non volvería xogar pero, curiosamente, ambos estableceron unha gran amizade.

A campaña seguinte, Joanet fíxose cargo do Fabril e exerceu labores de segundo adestrador do primeiro equipo, que continuaba baixo os mandos de Arsenio. Despois de 2 temporadas dirixindo ao filial herculino, Joanet fixo as maletas xunto ao arteixán para seguir sendo o seu axudante nas filas do Hércules CF. Alí compartiron 4 temporadas, antes de que Arsenio fichase polo Real Zaragoza e Joanet comezase a súa carreira como primeiro adestrador sucedendo á lenda deportivista á fronte do equipo alacantino. Un total de 96 partidos en Primeira e 250 en Segunda contemplan a súa longa carreira como técnico en equipos como CD Castellón, Cádiz CF, CD Tenerife (cos 3 logrou outros tantos ascensos a Primeira), RCD Espanyol, UD Salamanca ou UD Las Palmas.

O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, excompañeiros e a todo o deportivismo. DEP.