RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mosquera: "É unha pasada como adestra a xente que non ten minutos, vaise a notar a final de temporada"

Pedro Mosquera foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Tralo seu regreso ao once inicial o pasado domingo no Estadio Nuevo Los Cármenes, confesou sentirse "ben. Nótase a inactividade. Tentando recuperar sensacións do que é a competición. Estou a atoparme cada vez mellor. Fisicamente non chegas ao final do partido ao 100 por 100, pero iso cóllese con minutos".

O mediocentro coruñés confesa que "se pasa mal cando non participas, a pesar de que o día a día que hai aquí é xenial, convivindo con toda a xente. A fin de semana, cando te quedas fóra ou cando non participas, sempre é complicado. Isto é fútbol. Non é a primeira vez que me pasou na miña carreira deportiva. De todo apréndese. Espero ter agora máis continuidade".

Recoñeceu neste mercado de inverno manter "algunha conversación con Carmelo (Director Deportivo). Eles transmitíronme que querían que seguise aquí, que estaban contentos comigo. Así que non houbo nada".

Só "tentar día a día adestrar o máximo posible e o mellor posible. Creo que el (en referencia a Natxo González) díxoo varias veces en rolda de prensa. Nunca tivo ningunha queixa. Sempre adestrei ao máximo. Eu sigo traballando para tentar ter continuidade e achegar o máximo ao equipo, que ao final o importante é o equipo".

Preguntado por unha foto colgada nas redes sociais dos xogadores branquiazuis celebrando o triunfo en Granada no vestiario visitante do estadio nazarí, apunta Pedro Mosquera que "o ambiente é espectacular. Levámolo dicindo desde principios de temporada".

Nesa celebración, na que destaca sobre todos Adrián Ortolá, sen minutos por agora en LaLiga 1|2|3, o centrocampista branquiazul di do porteiro deportivista que "achega moitísimo ao grupo. Sempre suma moitísimo. Seguro que ao longo da temporada tócalle entrar e por como adestra, está súper preparado".

Subliña que "é unha pasada como adestra a xente que non ten minutos. Adestra ao máximo sempre e iso vaise a notar de cara a final de temporada porque a xente está preparada. Salga quen salga vaino a facer ben".

Mosquera cualifica de "vital" o partido deste sábado 16 de febreiro en ABANCA-RIAZOR ante o Nàstic de Tarragona (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) "para logo ir a Málaga a un dos partidos máis importantes do ano. Daquela o calendario véñennos varios partidos seguidos en casa porque temos o Reus CF que non se vai a xogar. É un bo momento para dar ese golpe encima da mesa que sempre dicimos".

Acerca das dúas vitorias consecutivas lonxe da Coruña, en Xixón e Granada, opina que o equipo cambiou "a mentalidade coa que afrontamos os partidos. Saímos moi concienciados co que tiñamos que facer. Iso vainos a axudar moito para a segunda volta".