RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González: "O importante é ver como respondemos ao pequeno tropezo do outro día"

Natxo González asegurou en rolda de prensa no Estadio ABANCA-RIAZOR que "sempre se insiste moito" en manter a intensidade e a concentración durante todo o partido. "É unha categoría no que en cando baixas un pouco o nivel de concentración, o nivel de activación... o equipo contrario penalízate. Non é unha situación na que fixese máis incidencia despois do empate do outro día", engade.

Pide, para un obxectivo "tan ambicioso e tan a longo prazo, seguir con esa fame e con esas ganas de ir conseguindo cousas a curto prazo. Todo pasa porque non perdamos esa intensidade e concentración que tivemos".

Iso si, deixou claro que "doe empatar despois de ir gañando 2-0 (en referencia ao partido do pasado sábado ante o CD Numancia). Somos un equipo moi fiable neste sentido. Pero nun percorrido tan longo, nunha carreira tan longa tes contratempos destas características".

Por este motivo, subliña que "desde un principio tratei de trasladar que non era ningún drama e é unha situación que pasa. O importante de todo isto é como respondes logo, o partido seguinte. E é o que temos que ver mañá, como respondemos ao pequeno tropezo que tivemos o outro día. O equipo está tranquilo. E iso busca mañá, volver a ese rendemento como local".

Advirte que "posiblemente" haxa algún cambio no once inicial mañá domingo 16 de decembro ante o Real Zaragoza en ABANCA-RIAZOR (20:30, GOL e LaLiga 1|2|3 TV). "Teño que analizar esas dúbidas que podía ter, ver o que fixemos hoxe e dentro desas posibles dúbidas, o día previo ao partido axúdame moito para tomar unha decisión final", aclara.

Do Zaragoza, o seu ex equipo, mostrouse convencido que "vai saír desa situación. Coñezo ese vestiario un pouquiño por dentro e é un equipo cun gran corazón. En situacións complicadas, o corazón axúdache a saír adiante. Non teño a menor dúbida de que van saír de aí. A ver se esperan polo menos unha semaniña máis", chancea.

Preguntado polo Reus CF, lembrou que "son 7 anos os que estiven nese Club. Son o adestrador que máis partidos adestrou. Tiven o privilexio de ser o adestrador que estivo no ascenso a esta categoría. Podedes imaxinar o que podo sentir de pena, de rabia, ver a compañeiros e ver a un club modesto que sempre fixo as cousas de marabilla".

Confía en que eses problemas económicos "ao final poidan solucionarse e que sigamos vendo ao Reus CF en Segunda División".