RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Ninguén ascende en setembro ou decembro", advirte William, que lembra a dificultade de subir a Segunda División

William de Camargo (São José do Rio Preto, Brasil, 27 de febreiro de 1999) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do Dépor para esta temporada, cedido polo CD Leganés.

O atacante brasileiro posou en primeiro lugar para os medios gráficos no campo principal da Cidade Deportiva coa súa nova camiseta acompañado do Presidente, Antonio Couceiro.

A continuación, ante os medios de comunicación, manifestou que as súas primeiras sensacións "foron moi boas. O Dépor é un club moi profesional, con xogadores moi competitivos".

Confesa que chega a ABANCA-RIAZOR "cunha expectativa moi alta de facer bos partidos, axudar ao equipo como sexa e onde sexa. E traballar duro para alcanzar o meu máximo rendemento".

Aínda que recoñece que o obxectivo é o ascenso a Segunda División, advirte que "hai que traballar aos poucos. Ninguén ascende en setembro ou decembro. Imos ascender en maio ou xuño. É moi difícil ascender nesta categoría e desde a humildade temos que traballar moito para lograr o ascenso".

Após coincidir con Borja Jiménez en Cartaxena, nun ano que supuxo ademais o ascenso de categoría do club murciano, apunta que o técnico "me transmite confianza. Chamoume e iso faiche sentir con confianza. E tamén é o Dépor. Non se pode dicir non ao Dépor".

Precisamente conta que a Borja Jiménez "gústalle o trato próximo. Gústalle entender aos xogadores. Non só toma as decisións el, gústalle falar cos futbolistas, a ver que pensan. É moi próximo neste aspecto".

A pesar de que William naceu en 1999, si é consciente do paso por ABANCA-RIAZOR de varios futbolistas brasileiros na época dourada do Club: "O Dépor é moi coñecido e en Brasil hai moita afección por Rivaldo, Bebeto, Djalminha... Si que está o Dépor no recordo dos brasileiros".

Nesta liña, o novo extremo branquiazul subliña que portar o escudo do RC Deportivo "é unha sensación única. Aínda que estea en Segunda B non é un club de Segunda B. É o Dépor, un Club coñecido, moi grande. A ilusión é máxima".

Con dous amigables por diante nos próximos sete días, un deles en ABANCA-RIAZOR ante a SD Ponferradina con motivo do Trofeo Teresa Herrera, ve ao grupo "ben en xeral. Estamos aos poucos collendo as ideas, adaptándonos un compañeiro co outro... Moi ben".

De feito, a catro días de adestrarse por primeira vez, séntese con "moitas ganas de coñecer ABANCA-RIAZOR, de sentilo. É un estadio moi bonito que viviu moitas cousas. Teño moitas ganas de pisalo".