RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Nolaskoain: "É o momento ideal para dar o impulso"

Peru Nolaskoain manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "gañar 2 ou 3 partidos seguidos era o que necesitabamos. Veríanse as cousas de diferente maneira. É o momento ideal para seguir traballando, dar o impulso, seguir sumando puntos para saír dese posto canto antes".

O mediocentro deportivista, coa Copa do Rei agora no horizonte, este domingo 12 de xaneiro no campo Pistas do Helmántico ante o Unionistas de Salamanca CF (12:00 horas), lembra que "o calendario está posto desde o inicio de ano e non temos esa escusa. O que nos queda é pensar na Copa, que é unha competición que ilusiona. Xa teremos tempo para pensar na liga".

De Fernando Vázquez, opina que "é un adestrador moi impulsivo, con moita garra. Era un pouco o que necesitabamos para saír dese estado de ánimo no que estabamos e ver as cousas de maneira positiva".

Sobre os 3 centrais empregados en Soria, Nolaskoain advirte que "un sistema que encaixe é un sistema no que gañas os partidos. En Soria gañamos e non concedemos practicamente nin unha ocasión clara do Numancia. É un dato importante".

Asegura en pleno mercado de inverno que "os que estamos agora estamos concienciados de que temos suficiente calidade para sacar esta situación, tal e como se viu nos 2 últimos partidos. O que veña será benvido e o que se vaia será porque é a súa decisión".

En canto á súa situación no Dépor, "aínda que non se pode descartar nada, eu non ouvín nada e estou centrado nisto".